A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, compareceu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para facer balance sobre o programa

A Xunta investiu 4,4 M€ na maior campaña de verán da historia

A contía é un 20 % máis con respecto ao custo da programación estival no 2021

A ocupación global das actividades foi do 90 % e, en concreto, o 99 % das prazas de campamentos convocadas foron adxudicadas

‘O verán que queres contar’ promoveu a empregabilidade de 1.390 directores e monitores no conxunto da oferta

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou hoxe que a Xunta de Galicia investiu na maior campaña de verán da historia da comunidade 4,4 millóns de euros, un 20 % máis que con respecto ao 2021. Fíxoo esta mañá nunha comparecencia a petición propia na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento.

Cristina Pichel recordou que a través de O verán que queres contar, o lema escollido para o programa estival, a Xunta puxo á disposición da xuventude máis de 10.800 prazas entre campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e intercambios con outras comunidades. Esta oferta destinada a mozos e mozas de entre 9 e 30 anos supuxo un incremento de 3000 prazas con respecto ao 2021 e un millar máis que en 2019.

A directora xeral puxo en valor que a Campaña de Verán serve como recurso de conciliación, espazo de aprendizaxe e motor de emprego. Así, no referente á conciliación das familias explicou a boa acollida que tivo, posto que o 99% das prazas convocadas foron adxudicadas e a ocupación global en todas as actividades da programación estival foi do 90%. Nesta liña, subliñou o éxito dos campos de voluntariado, que contaron con nove iniciativas novas e recuperaron a mobilidade internacional. Por iso, destacou que Galicia é a comunidade “coa maior oferta de voluntariados de toda España”.

Descontos

Así mesmo, Cristina Pichel fixo fincapé nas vantaxes que achega a Xunta de Galicia para aliviar o esforzo económico que fan as familias. Por iso, o Goberno galego asume preto do 70 % do custe real dunha praza nun campamento e, a maiores, pon á disposición descontos do 50 % para familias numerosas e monoparentais, do 25 % para os usuarios do Carné Xove; e ofrece de xeito gratuíto as prazas a menores tutelados e vítimas de violencia machista.

Por último, Cristina Pichel explicou que a programación estival é un dos principais estímulos de contratación no eido do tempo libre no verán. De feito, a Campaña de Verán promoveu a empregabilidade de 1390 directores e monitores no conxunto de actividades, un 15 % máis con respecto á mesma época do ano pasado.

Imaxes relacionadas