A Xunta construirá unha pasarela peonil na ponte sobre o rego Val dos Gozos en Cudeiro, no concello de Ourense

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudica por máis de 18.000€ a redacción do proxecto construtivo para actuar na estrada autonómica OU-150
 

A actuación complementará a senda que nos vindeiros días vai iniciar a Xunta en Valdorreguerio, dotando o cruzamento sobre o rego dun itinerario diferenciado para os peóns, do que carece a ponte
 

Definiranse as obras para a conexión dos dous itinerarios peonís mediante unha pasarela duns 60 metros de lonxitude
 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 18.000 € o contrato para a redacción do proxecto de construción dunha pasarela peonil na estrada autonómica OU-150  no núcleo de Cudeiro, no concello de Ourense.

 

Este contrato foi adxudicado á empresa Deseños Estruturais e Viarios, S.L., que conta cun prazo de 8 meses para a redacción do proxecto que dotará o treito da ponte sobre o rego Val dos Gozos dun itinerario diferenciado para o transito peonil, do que carece na actualidade.

 

A Xunta vai iniciar nos vindeiros días as obras de construción dunha senda na OU-101, en Montealegre, e na estrada OU- 150, en Valdorregueiro, impulsando un itinerario peonil seguro e accesible en cada unha destas sendas.

 

No caso concreto da estrada OU-150, en Valdorreguerio a senda en execución na marxe dereita remata xusto antes da ponte sobre o rego Val dos Gozos; e na outra marxe da conca existe unha beirarrúa, tamén na marxe dereita da estrada, que discorre ata o seguinte núcleo de Cudeiro.

 

Os traballos obxecto deste novo contrato teñen como obxectivo acadar un itinerario continúo a ambas as dúas marxes da ponte sobre o rego Val dos Gozos, para o que se definirán as actuación necesarias para conectar os dous itinerarios peonís mediante unha pasarela duns 60 m de lonxitude, tamén na marxe dereita.

 

Na redacción do proxecto construtivo da pasarela deberá terse en conta as prescricións sectoriais en materia de augas e de patrimonio cultural, entre outras de ser o caso. Tamén a necesidade de proceder á expropiación de terreos para a súa execución.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.

Imaxes relacionadas