O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica destaca o papel do GaiásTech como centro para a demostración de tecnoloxías e asesoramento dixital ao tecido empresarial

Julián Cerviño presentou hoxe a conferencia do director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia sobre “Computación cuántica na industria”
 

Esta xornada, enmarcada na colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, súmase ás 120 actividades que leva realizadas o GaiásTech desde a súa posta en marcha en xuño de 2021
 

O responsable do departamento autonómico destacou que, en menos de ano e medio, máis de 4.000 persoas e de 600 empresas participaron nas xornadas do GaiásTech

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), Julio Sánchez presentaron hoxe no GaiásTech a conferencia “Computación cuántica na industria”, impartida polo Director Xerente do Centro de Supercomputación de Galicia, Lois Orosa.

 

A charla, que forma parte do programa de transferencia de coñecemento sobre novas tendencias tecnolóxicas no que colaboran a Amtega e a AETG, súmase ás 120 actividades que leva realizadas o Centro GaiásTech desde a súa posta en marcha hai menos de ano e medio. Así o destacou durante a presentación o director da Axencia autonómica, que destacou que o centro está a cumprir co obxectivo de ser un lugar para a experimentación e demostración de tecnoloxías e un centro de asesoramento para favorecer a transformación dixital das empresas.

 

Desde xuño de 2021 máis de 4.000 persoas e arredor de 660 empresas participaron nas actividades do GaiásTech, impulsadas pola Axencia en colaboración con diferentes entidades, colexios profesionais e empresas. Julián Cerviño lembrou que o centro é un dos instrumentos fundamentais da Estratexia Galicia Dixital 2030 para impulsar a especialización tecnolóxica, promover o talento dixital, fortalecer o hipersector TIC, impulsar as novas tecnoloxías disruptivas como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato ou o 5G e favorecer a súa adopción polos distintos sectores produtivos.

  

Computación Cuántica

O director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia que lidera o Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, Lois Orosa Nogueira, centrou a súa intervención nos principios da computación e as comunicacións cuánticas, o estado da arte e as súas aplicacións principalmente na industria e noutros sectores como o sanitario, o financeiro ou das TIC.

 

A xornada estaba dirixida tanto ao sector TIC como ao resto de sectores e, por suposto, á cidadanía en xeral e ás administracións públicas.

Imaxes relacionadas