O Goberno galego porá en marcha de novo o programa de Benestar en balnearios para persoas maiores

Destacou que este programa se recupera “tras o parón da pandemia” e, nesta edición, contará con preto de 640 prazas

Subliña que a Xunta incrementa a financiación por praza ata cubrir “case a metade” do custo

O Goberno galego achegará 136.000 euros para impulsar esta iniciativa

Está destinado aos maiores de 60 e a aqueles que superen os 55 e sexan pensionistas

O Consello da Xunta tamén aproba aumentar un 25% a contía do convenio co Ategal para promover a formación dos maiores
 

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe na rolda de prensa tras o Consello que o Executivo galego vai poñer en marcha de novo o programa de Benestar en Balnearios para persoas maiores. “Tras varios anos de parón pola pandemia, vanse habilitar preto de 640 prazas en establecementos de balnearios para os meses de novembro e decembro”, sinalou Rueda, quen indicou que a Xunta vai destinar “preto de 140.000 euros” a esta nova edición, o que supón un 24% respecto da última convocatoria do programa, en 2019.

 

A Administración autonómica destinará un total de 136.000 euros a esta iniciativa, destinada a todos os maiores de 60 anos e tamén a aqueles que superen os 55 e sexan pensionistas, para mellorar a súa calidade de vida ao fomentar actitudes positivas cara o autocoidado da saúde e favorecer as relacións sociais.

 

Rueda destacou que, nesta nova convocatoria, a Xunta aumenta a achega que realiza a cada participante, chegando a financiar “case a metade do custo da praza”. En concreto, o Goberno autonómico pasa de financiar o 31% da praza ata o 43 %. Mañá sae no Diario Oficial de Galicia a publicación desta nova orde e a partir do luns todo aquel que queira pode solicitar a súa participación neste programa.

 

Ademais de impulsar a calidade de vida das persoas maiores, este programa, en que participan unha quincena de establecementos, pretende apostar polo sector dos balnearios que é punteiro na Comunidade.

Outras medidas para promover o envellecemento activo

No Consello da Xunta desta mañá tamén aprobouse outro asunto vencellado ao compromiso do Executivo galego de promover o envellecemento activo entre os maiores da Comunidade. Na reunión de hoxe autorizouse un convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal) para dar continuidade ao desenvolvemento das aulas sénior de Galicia un ano máis. O orzamento deste acordo ascende a 190.000 euros, un 25 % máis que o ano pasado.

 

Este incremento permitirá rebaixar o 10 % a matrícula e impulsar todas as actividades presenciais, que foran pausadas pola COVID-19. O obxectivo é superar de novo o millar de alumnos. O programa de Ategal engloba actividades de formación dirixidas aos nosos maiores en catro áreas diferentes. Na área cultural inclúense seminarios de historia, de linguas, de literatura e de xeografía; a de dinámica ocupacional conta con obradoiros de debuxo, pintura, manualidades, teatro ou música; e na área de saúde integral ofrécense actividades como ximnasia, ioga, tai-chi, pilates ou obradoiros de memoria. Por último, dentro do ámbito de lecer organízanse viaxes de fin de curso, visitas culturais, asistencia a concertos, conferencias ou encontros entre as diferentes aulas sénior.

 

Este convenio enmárcase na aposta do Executivo autonómico por apoiar todas aquelas iniciativas que favorezan o envellecemento activo. Trátase de que as galegas e galegos de máis idade teñan ao seu alcance unha ampla oferta de actividades que favorezan a súa estimulación intelectual e física, nas cales poidan participar e que lles acheguen un maior benestar e calidade de vida.


Imaxes relacionadas