A Xunta pon en valor a calidade do sector turístico galego durante o XXII Congreso Internacional de AECIT

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración do Congreso e posteriormente impartiu unha conferencia sobre o turismo en Galicia

 

O Congreso Internacional da Asociación de Expertos Científicos en Turismo, AECIT, facilita cada dous anos o encontro de académicos e investigadores, responsables da planificación e xestión pública, e empresarios do turismo

Ourense, 6 de outubro de 2022 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor a calidade do sector turístico galego, no marco da inauguración do XXII Congreso Internacional da Asociación de Expertos Científicos en Turismo, que ten lugar dende hoxe ata o vindeiro día 8 en Ourense.

 

Durante a inauguración, Nava Castro explicou que Galicia leva anos traballando co obxectivo estratéxico de consolidar a imaxe e marca de “turismo de calidade” e destacou que na actualidade coas cifras de demanda acadados no sector, con preto de 4,6 millóns de turistas no que vai de ano, a Comunidade está a acadar unha repercusión sen precedentes.

 

Neste senso, Nava Castro destacou a importancia do traballo realizado dende o Goberno no eido turístico, baseado na innovación, dixitalización, sostenibilidade e competitividade do sector para dar resposta as demandas dos consumidores na actualidade. Posteriormente, a directora de Turismo de Galicia, participou no congreso cunha intervención titulada “Turismo de Galicia: accións estraatéxicas e retos” na cal sinalaba a potencialidade de Galicia como destino turístico da man deste Xacobeo que está deixando cifras récord na chegada de turistas e peregrinos, con máis de 380.000 Compostelas seladas.

 

Así mesmo, Castro puxo en valor a calidade da oferta formativa que está a realizar a Comunidade, sinalando o Centro Superior de Hostelería de Galicia  e a aceleradora galega de proxectos, TURISLAB, como parte dos proxectos apoiados pola Xunta de Galicia para acadar o que a directora de Turismo de Galicia denominou o “turismo do futuro”, baseado na excelencia dos servizos turísticos.

 

O Congreso AECIT 2022 pretende darlle continuidade a un evento científico consolidado e de gran relevancia que facilita cada dous anos o encontro de académicos e investigadores, responsables da planificación e xestión pública, e empresarios do turismo. Mediante este congreso, búscase a creación dun foro de encontro de profesionais e investigadores nacionais e internacionais interesados nas temáticas turísticas, que permita establecer sinerxías entre o mundo académico científico, os responsables de xestión pública e o sector empresarial para que, mediante o intercambio de información e opinións, se afronten os grandes retos neste ámbito.

Imaxes relacionadas