O presidente da Xunta participou no acto de entrega das distincións ao mérito deportivo que concede o Goberno galego

Rueda destaca que os Orzamentos de 2023 recollerán un investimento de 18 M€ para impulsar a construción de instalacións deportivas

Anuncia que a Xunta xa está a traballar na posta en marcha da Oficina de Atención ao Deportista Galego de Alto Nivel para reforzar o apoio aos profesionais

“Grazas por levar a Galicia tan alto e tan lonxe”, manifestou, en recoñecemento aos 106 deportistas e entidades homenaxeados
 

Santiago de Compostela,5 de outubro de 2022 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que os Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2023 recollerán un investimento de 18 millóns de euros para impulsar a construción de instalacións deportivas, de xeito que se sigan promovendo os hábitos de vida saudable entre os galegos, e especialmente entre os máis novos.

Na súa intervención no acto de entrega de distincións ao Mérito Deportivo a 106 persoas e entidades, Rueda subliñou que apoiar o deporte nas idades temperás redunda en múltiples beneficios, xa que favorece a actividade física, a adquisición de rutinas beneficiosas para a saúde, estimula a socialización e promove os grandes valores que encarnan os homenaxeados deste ano. Por esa razón, e dentro da mesma aposta pola práctica deportiva, o mandatario autonómico tamén lembrou os 4,3 millóns de euros que o Goberno galego investirá nunha póliza para protexer a actividade escolar e federada dos rapaces participantes no programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos), unha vez que recibiu o visto e prace no Consello da Xunta da pasada semana.

Rueda tamén expresou o compromiso cos rapaces que se decanten polo deporte de alta competición. Así, anunciou, a Xunta vén de comezar os traballos para a posta en marcha da Oficina de Atención ao Deportista Galego de Alto Nivel.

Logo de distribuír 1.500 enquisas, as respostas colleitadas permitirán identificar cales son as necesidades dos profesionais e as potenciais solucións a adoptar. Segundo lembrou, a Oficina é unha das actuacións prioritarias do Executivo autonómico para prestar servizos de información, orientación e acompañamento aos deportistas tanto nos transcurso da carreira deportiva, como despois.

Agradecemento aos distinguidos

O presidente tivo palabras de agradecemento para os deportistas e entidades recoñecidas cunhas distincións que o Goberno galego entrega desde 2010 e que agora se retoman, xa que a última edición celebrouse no ano 2018. Rueda eloxiou aos homenaxeados por abrir camiños e transmitir á sociedade que non hai metas imposibles. “Galicia empurraba, corría ou navegaba sempre que o faciades vós; é a mesma Galicia que hoxe vos aplaude”, expresou.

Rueda enxalzou a traxectoria dos 106 distinguidos por dar o 100% polo deporte e por representar sempre á comunidade. “Grazas por levar a Galicia tan alto e tan lonxe”, sentenciou.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta