A Xunta avanza na execución do firme na autovía Nadela-Sarria, que fará necesario ampliar desde mañá o corte de tráfico ata o enlace Sarria sur

Unha vez acometidos os traballos de estendido da capa de rodaxe entre os enlaces da Pobra de San Xiao e Sarria norte, agora van proseguir desde o punto quilométrico 22 ata o 26

A partir do 27 de outubro abrirase unha calzada da autovía, en sentido Monforte, quedando como única afección o desvío do tráfico en sentido Monforte-Lugo pola estrada LU-546, para rematar firme, sinalización e acabados

Trátase das últimas obras da 1ª fase desta autovía, entre A Pobra de San Xiao e Sarria, cuxo remate se prevé en outono

A Xunta está a investir 25 M€ nesta actuación e está a avanzar na redacción do proxecto da 2ª fase, que completará o desdobramento ata Lugo

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2022 A Xunta continúa avanzando na execución do firme nas obras da 1ª fase da autovía Nadela-Sarria, que fará preciso ampliar desde mañá o corte de tráfico ata o enlace Sarria sur.

Unha vez acometidos os traballos de estendido da capa de rodaxe entre os enlaces da Pobra de San Xiao e Sarria norte, nunha primeira fase, agora proseguirán as obras desde o punto quilométrico 22 ata o 26.

Nesta segunda fase prevese finalizar a nova capa de rodaxe sobre o corredor existente, que proseguirá nos enlaces centro e norte. O luns 17 está programado comezar a disposición de sinalización horizontal e o 27 abrirase ao tráfico unha calzada da autovía en sentido Lugo-Monforte.

Así, na terceira fase, o 27 de outubro, quedará como única afección o desvío do tráfico en sentido Monforte-Lugo pola estrada LU-546, entre os enlaces de Sarria norte e A Pobra de San Xiao.

Neste período acometerase a capa de rodaxe na calzada de desdobramento. Tamén se levará a cabo a disposición de sinalización horizontal e acabados.

Trátase das últimas obras da 1ª fase desta autovía, entre A Pobra de San Xiao e Sarria, cuxo remate se prevé en outono.

A Xunta está a destinar un orzamento de 25 M€ nesta intervención que supón a adaptación dos tres enlaces do treito, A Pobra, Sarria norte e Sarria centro, e a ampliación dos seis pasos inferiores; así como a instalación dun valado reforzado para evitar o acceso de fauna salvaxe.

2ª fase da autovía

O Goberno galego, de xeito paralelo, segue avanzando na 2ª fase da autovía, tras aadxudicación da redacción do proxecto construtivo que completará o desdobramento da infraestrutura ata Lugo.

Esta segunda fase da autovía abrangue 13,5 km, entre A Pobra de San Xiao e a conexión coa A-6 en Nadela.

Este traballo, adxudicado por case 270.000 €, ponse en marcha para poder dispoñer xa a mediados de 2023 dun proxecto de trazado para someter a información pública.

Cómpre lembrar que o Executivo autonómico investiu máis de 135 millóns de euros na construción, nos peores anos da crise económica, da vía de altas prestacións entre Sarria e Monforte, rematada no ano 2015, e agora continúa co seu desdobramento.