A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse con representantes municipais da provincia da Coruña no marco da rolda de contactos iniciada o pasado mes

A Xunta convida aos concellos coruñeses a colaborar na elaboración da Lei de ordenación do litoral para preservar a actividade económica e social na costa

Ángeles Vázquez salienta que estes 45 municipios concentran case a metade de todos os inmobles afectados polos cambios normativos do Goberno no dominio público marítimo terrestre do conxunto de Galicia

A Coruña, 5 de outubro de 2022

A Xunta de Galicia convidou aos concellos coruñeses a colaborar na elaboración da que será a primeira lei galega en materia de ordenación do litoral para preservar a actividade económica e social na costa xa que os cambios normativos impulsados polo Goberno central desde 2018 afectan a 1.825 edificacións en dominio público marítimo terrestre (DPMT) na provincia, case o 47% de todos os inmobles afectados na Comunidade.

 

Durante un encontro mantido con representantes municipais dos concellos costeiros da Coruña, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que ”estes municipios concentran case a metade de todos os inmobles deste tipo identificados pola Xunta no conxunto de Galicia”.

 

Así, o inventario realizado polo Instituto de Estudos do Territorio identifica no DPMT dos 45 concellos costeiros da Coruña: máis de 1.120 edificacións de carácter privado -o 48% do total da Comunidade-, 209 instalacións industriais ou empresas -o 57,4% das 364 existentes na costa galega- e 26 dos 37 faros localizados nesta franxa costeira de Galicia. A maiores, tamén inclúen neste listado 21 estacións de tratamento de auga, tanto depuradoras como potabilizadoras, que supoñen o 50% das identificadas en toda a Comunidade.

 

“Estes datos reflicten a transcendencia e o impacto social e económico que provocaría a nivel local a desaparición da costa de calquera destas edificacións”, incidiu a conselleira, que reiterou a importancia de que o municipalismo aporte as súas achegas no proceso de redacción da Lei de ordenación do litoral de Galicia, coa que a Xunta dá resposta aos “continuos ataques” do Goberno central aos intereses do litoral galego e para acadar o autogoberno pleno sobre a súa costa.

 

Cómpre lembrar que esta reunión, na que a conselleira estivo acompañada dos delegados territoriais da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e en Ferrol, Martina Aneiros, así como da secretaria xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Carmen Bouso, enmárcase na rolda de contactos iniciada polo Goberno galego para avanzar na elaboración da Lei de ordenación do litoral de Galicia, que, está en fase de consulta pública previa ata o vindeiro 17 de outubro e cuxo obxectivo é “facer unha planificación e ordenación do litoral así como dar a coñecer e dar seguridade ás actividades que se poden facer en DPMT”.

Imaxes relacionadas