A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse co alcalde do concello ourensán

A Xunta e o Concello de Cualedro estudan a rehabilitación do edificio Santander para construír vivendas para alugueiro social

Ángeles Vázquez traslada que este mes se resolverá a convocatoria de axudas para puntos limpos fixos á que opta a Mancomunidade de Cualedro, Monterrei e Trasmiras

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2022

A Xunta de Galicia e o Concello de Cualedro estudan a rehabilitación do edificio no que se localizaba unha sucursal do Banco Santander para construír 2 vivendas destinadas ao alugueiro social.

 

Durante un encontro que mantivo co alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, informoulle de que este proxecto pode beneficiarse da próxima convocatoria da orde de axudas para rehabilitar vivendas de titularidade municipal. Ángeles Vázquez lembrou que estas subvencións son a fondo perdido coa única condición de que o concello as manteña como vivendas en alugueiro.

 

A maiores, na reunión, na que tamén estivo presente o rexedor de Monterrei, José Luis Suárez, abordaron a solicitude presentada pola Mancomunidade de concellos de Cualedro, Monterrei e Trasmiras á liña de axudas para construír un punto limpo fixo. A conselleira trasladoulles que está previsto resolver a convocatoria destas subvencións ao longo deste mes de outubro.

Imaxes relacionadas