A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés incorpora unha nova Unidade de Conduta Suicida no centro de especialidades da Casa do Mar de Mollabao

As actuacións de reforma e equipamento no andar baixo deste centro sanitario consistiron na habilitación de 4 novas consultas, que contan cunha sala de espera para pacientes, nuns espazos aos que se accede directamente desde o vestíbulo principal de entrada
 

Esta nova unidade conta cun cadro profesional con facultativo especialista de área de Psiquiatría, psicólogo clínico e un efectivo de enfermaría de saúde mental
 

A nova Unidade foi inaugurada hoxe polo xerente, José Flores Arias, e polo delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez

Pontevedra, mércores 5 de outubro de 2022

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ven de incorporar á súa carteira de servizos asistenciais no centro de especialidades da Casa do Mar de Mollabao unha nova Unidade de Conduta Suicida, que foi inaugurada hoxe polo xerente, José Flores Arias, e polo delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López Diéguez. As actuacións de reforma e equipamento no andar baixo da Casa do Mar de Mollabao consistiron na habilitación de 4 novas consultas, que contan cunha sala de espera para pacientes, nuns espazos aos que se accede directamente desde o vestíbulo principal de entrada deste centro sanitario.

 

150 metros cadrados de superficie asistencial reformada

A superficie total da zona asistencial reformada pola Xunta de Galicia en Mollabao abrangue os 150 metros cadrados e dita área alberga, ademais da correspondente sala de espera e a actual consulta de especialista de área de Psiquiatría da unidade socio-sanitaria, tres novas consultas para a Unidade de Conduta Suicida, que conta cun cadro profesional con facultativo especialista de área de Psiquiatría, psicólogo clínico e un efectivo de enfermaría de saúde mental.

 

Así mesmo, estas obras de reforma executadas incluíron o traslado da sala de descanso/cafetería do persoal, emprazada na zona onde se efectuou esta intervención ao andar semisoto, próxima á área de vestiarios do centro de especialidades da Casa do Mar de Mollabao.

 

Enmarcada no Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024

Segundo sinalaron hoxe na inauguración o xerente, José Flores e o delegado da Xunta de Galicia Luis López, a implantación da Unidade de Conduta Suicida na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés enmárcase no Plan de Saúde Mental de Galicia 2020-2024, que establece para dito período na Comunidade Autónoma 98 proxectos dirixidos á prevención da aparición de problemas de saúde mental na poboación galega e a establecer melloras na asistencia sociosanitaria ás persoas que padecen un trastorno mental.

 

Para a súa posta en marcha, a Xunta de Galicia destina neste período un orzamento de 83 millóns de euros, o que permite a incorporación de novos profesionais e o incremento do número de centros e programas para a atención sanitaria aos trastornos mentais graves, a través de programas de intervención comunitaria e ampliando o número de prazas en recursos específicos.

Imaxes relacionadas