A Xunta adxudica por preto de 50.000 € a redacción dos proxectos para rehabilitar 3 inmobles en Ferrol Vello

Emprazados nas rúas Castro 6, Rastro 6 e Argüelles 4, foron adquiridos polo IGVS a través do programa Rexurbe co obxectivo de acadar 3 vivendas protexidas destinadas a alugueiro

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2022

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar a redacción dos proxectos de rehabilitación e a dirección de obras dos inmobles emprazados nas rúas Castro 6, Rastro 6 e Argüelles 4, os tres localizados no barrio de Ferrol Vello e adquiridos polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) no marco do programa Rexurbe.

 

O contrato foi adxudicado á empresa Domohomo Design SL. por un importe de 47.795 euros e cun prazo de 3 meses para a presentación do proxecto.

 

Unha vez que se rehabiliten os inmobles, o IGVS prevé obter 3 vivendas protexidas, que serán adxudicadas en réxime de alugueiro entre as persoas inscritas na cidade de Ferrol no Rexistro de demandantes. O investimento total previsto por parte do Goberno galego nestes inmobles supera os 900.000 euros.

 

Actualmente, o IGVS ten adxudicada a redacción dos proxectos de rehabilitación correspondentes a todos os inmobles adquiridos en Ferrol —un total de 19, dato que converte á cidade departamental no municipio galego de referencia do programa Rexurbe— con excepción dos localizados en Mercé 20 e Carme Curuxeiras 38, cuxos proxectos xa foron licitados pero están aínda pendentes de adxudicar.

 

Ademais, parte das obras de rehabilitación destes edificios tamén foron licitadas e xa se rematou a construción de dúas vivendas na rúa Argüelles 1, cuxa entrega aos seus adxudicatarios está prevista para este mesmo ano.