A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe as instalacións do Rodicio con motivo do Día mundial dos animais

A Xunta recoñece o importante labor dos centros de recuperación de fauna que levan atendidos máis de 4.000 animais no que vai de ano

Ángeles Vázquez incide no papel fundamental que teñen estas instalacións no coidado e recuperación dos animais que non estean en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural

Maceda (Ourense), 4 de outubro de 2022.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recoñeceu hoxe o importante labor que levan a cabo os 4 centros de recuperación de fauna (CRF) da Comunidade, que levan atendidos máis de 4.000 animais no que vai de ano.

 

Durante unha visita ao centro situado no Rodicio, no Concello de Maceda, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a conselleira incidiu no papel fundamental que teñen estas instalacións no coidado e recuperación dos exemplares de fauna silvestre autóctona que non estean en condicións de subsistir por si mesmos no medio natural por causas como traumatismos, enfermidades, intoxicación, astenia ou caída dos niños, entre outras.

 

A maiores, estes centros tamén intentan a reintegración destes animais ao seu hábitat ou, se isto non é posible, na súa inserción en programas de conservación ou de educación ambiental.

 

 “Ademais de ser o lugar onde os animais reciben a atención veterinaria que precisan, tamén é o espazo no que tratan de recuperar a capacidade de vivir na natureza coas garantías necesarias para alimentarse, reproducirse e evitar aos predadores”, abundou a conselleira, quen durante a visitar asistiu á liberación dun corzo de 5 meses que foi criado no centro.

 

Cómpre lembrar que os centros de Oleiros (A Coruña), O Veral (Lugo), O Rodicio (Maceda) e Carballedo (Cerdedo-Cotobade) contan cun orzamento anual de preto de 500.000 euros.

 
Centro de recuperación de fauna do Rodicio

No que respecta ao CRF do Rodicio, ademais da tarefa de recuperación de fauna silvestre, tamén actúa como centro de información meteorolóxica e colabora con outras consellerías en estudos sobre o terreo de cultivos como, por exemplo, a selección e adaptación de variedade de patacas.

 

E, por outra banda, leva a cabo un programa de educación ambiental para aqueles centros escolares que o soliciten para concienciar aos máis novos da importancia de conservar a biodiversidade e ofrece a posibilidade de realizar prácticas en colaboración con centros e universidades para alumnado de ciclos forestais, grados universitarios de bioloxía, ciencias ambientais, etc.

 

Imaxes relacionadas