A Xunta destaca que a nova Lei de postos de difícil cobertura permitirá incorporar facultativos de xeito urxente, estable e permanente aos centros sanitarios con maior carencia de profesionais

A nova lei contribuirá á cobertura das vacantes nos centros de saúde illados e nos hospitais comarcais, así como das novas prazas de especialista en saúde mental
 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou a reforma normativa como unha das de maior calado no ámbito da atención primaria en toda España

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu hoxe, no Pleno do Parlamento, para presentar o proxecto de Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura. Trátase, -remarcou o máximo responsable sanitario-, “dunha das reformas normativas de maior calado que se ten dado no ámbito da atención primaria, e en toda España”.

 

Coa aprobación desta lei, -incidiu Comesaña-, “poremos en marcha as solucións reais e efectivas necesarias para provisión dos postos de difícil cobertura, garantindo, deste xeito, unha asistencia sanitaria de calidade a toda a cidadanía galega por igual”. É fundamental que contemos, -proseguiu o responsable do Sergas-, “cun sistema de selección máis áxil, que nos permita incorporar facultativos de xeito urxente, estable e permanente aos hospitais, PACs e centros de saúde con maiores carencias de profesionais”.

 

A razón que motiva a necesidade de contar cunha lei como esta é sobradamente coñecida, -dixo o conselleiro-, “a falla de profesionais en medicina de familia, un problema que atenaza o sistema público de saúde de todo o Estado”.

 

Tal e como subliñou o titular da carteira sanitaria galega, “a Xunta tenlle reclamado ao Ministerio de Sanidade que tome as medidas de reforma necesarias para atallar este déficit de profesionais e, lamentablemente, aínda non obtivemos resposta e os feitos indican que o Goberno de España non está a facer nada por solucionar esta situación”.

 

Iniciativas da Xunta

A falla de medidas do Executivo central levaron á Xunta de Galicia a elaborar iniciativas propias encamiñadas a solucionar este problema. Entre elas, o conselleiro citou a convocatoria de 106 prazas de médicos de atención primaria por concurso de méritos. Así, nun tempo récord, cinco meses dende o inicio da convocatoria, a Xunta cubriu xa, na primeira quenda, 91 das 106 prazas, “en destinos que antes era moi difícil cubrir e evitando a dilación de dous anos que suporía unha convocatoria ordinaria”. En breve sairá o chamamento para a segunda quenda para a cobertura das 15 restantes.

 

Outra das medidas da Xunta que citou o conselleiro foi as melloras retributivas postas en marcha neste verán, nas que se inclúe o incremento do 50% nos complementos por prestar servizo en centros de saúde illados ou de difícil cobertura e se amplía en 28 máis, ata os 82, os centros sobre os que se aplican estes complementos salariais.

 

Nunha segunda liña de actuación, o conselleiro destacou a aposta da Xunta polo concurso de méritos, seguindo o camiño marcado polo Congreso dos Deputados e polo Goberno de España. Este proxecto de lei recolle o mecanismo extraordinario de concurso de méritos por un prazo de tres anos e establece o seu uso cando así o xustifiquen as circunstancias concorrentes. Comesaña subliñou que “non se vai facer un uso arbitrario do concurso de méritos, senón só uso razonable e xustificado sempre e cando se cumpran unha serie de requisitos moi estritos contidos na norma”.

 

Tres eixos de actuación

O proxecto de lei contén, -explicou Comesaña-, tres eixos de actuación, un primeiro que ten que ver coa atención primaria, habilitando á Xunta para convocar novos concursos de méritos para o persoal das categorías de facultativos especialista do primeiro nivel asistencial e a de pediatra de primaria.

 

Un segundo eixo, ten que ver co persoal facultativo especialista dos hospitais comarcais, posto que, o déficit de profesionais especialistas nestes centros, urxe que se tomen medidas extraordinarias para garantir a calidade asistencial e a súa mellora. Por este motivo, se inclúen as súas prazas como postos de difícil cobertura, evitando que se produza un deterioro da atención hospitalaria á cidadanía destes hospitais.

 

Por último, o terceiro eixo é o relativo ao grupo de prazas para as que existe a necesidade de captar persoal, como é os facultativos especialistas en psiquiatría e psicoloxía clínica e o persoal de enfermería especialista de saúde mental, co que se garantirá que, no ano 2024, todas as novas prazas programadas polo Plan de Saúde Mental da Xunta (un total de 241), estarán efectivamente cubertas e os seus programas asociados funcionando.

 

Para rematar a súa intervención, o conselleiro incidiu en que, “ante a ausencia e inacción do Goberno de España, a Xunta está a facer todo o que está na súa man para paliar a falta de profesionais. En Galicia non podemos agardar máis por unhas reformas que o propio Goberno Central está a pospoñer deliberadamente”.

Imaxes relacionadas