A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade renovou a encomenda para estas tarefas de control da biomasa cun investimento de máis de 2,2 M€

A Xunta iniciará o luns novos traballos de roza e limpeza nas marxes de 4 vías autonómicas da provincia de Ourense e seguirá cos iniciados nas da Coruña, Lugo e Pontevedra

Actuarase na OU-171, no Carballiño e no Irixo; na OU-212 en Beariz, Avión, Leiro, Carballeda de Avia e Beade; na OU-402 en Castrelo de Miño ; e na VG-3.1 en San Cibrao das Viñas

Proseguiranse as limpezas na OU-504, nos municipios ourensáns do Carballiño, Maside e Leiro; e tamén na AC-102 ao seu paso por Cerdido, na provincia da Coruña

Tamén seguirán estes traballos na CG-2.1, en Monforte de Lemos, Pantón e O Saviñao; na PO-244 en Ponte Caldelas; e na PO-504 en Sanxenxo
 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2022 A Xunta iniciará este luns novos traballos de roza e limpeza nas marxes de catro estradas autonómicas da provincia de Ourense e continuará cos iniciados nas vías das provincias da Coruña, de Lugo e de Pontevedra.

En concreto, a vindeira semana comezarán estas intervencións na OU-171, no Carballiño e no Irixo; na estrada OU-212 ao seu paso por Beariz, Avión, Leiro, Carballeda de Avia e Beade; na OU-402 en Castrelo de Miño e Ourense; e na vía de altas prestacións VG-3.1 en San Cibrao das Viñas.

Ademais proseguirán as limpezas que xa se veñen desenvolvendo nas últimas semanas na OU-504, nos municipios ourensáns do Carballiño, Maside e Leiro; e na AC-102, ao seu paso por Cerdido, na provincia da Coruña.

Na provincia de Lugo seguirase cos traballos, xa iniciados nas pasadas semanas, na vía de altas prestacións CG-2.1 ao seu paso por Monforte de Lemos, Pantón e O Saviñao; e taménen distintos tramos de vías da provincia de Pontevedra: AG-46, CG-4.1, VG-4.6 e VG-4.5, en Moaña e Cangas; na estrada PO-244 en Ponte Caldelas; e na PO-504,na rotonda do Vinquiño, en Sanxenxo.

Previr lumes e reforzar a seguridade viaria

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

Ademais, retiraranse máis de 5.600 árbores situadas no dominio público das estradas, susceptibles de provocar lumes ou de supoñer un risco de caída na calzada. Tamén se levará a cabo a reparación de 22.500 metros lineais de valado dos noiros perimetrais das estradas.

Como novidade na encomenda de 2022, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.

Imaxes relacionadas