O subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Isaac Gómez, representou á Comunidade neste encontro

A Xunta comparte o éxito da iniciativa do pacto das alcaldías en Galicia na Conferencia internacional da alianza do clima en Luxemburgo

O número de concellos adscritos pasou dos 22 en 2017, ano no que Galicia asumiu a coordinación desta iniciativa, aos 285 actuais

A lei do clima que está a preparar o Goberno galego terá moi presente a implicación dos concellos no cumprimento do obxectivo da neutralidade climática no ano 2050
 

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2022  A Xunta compartiu o éxito que a iniciativa do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía está a ter en Galicia durante a Conferencia internacional da alianza do clima que se celebrou a pasada semana en Luxemburgo e no que a Comunidade estivo representada polo subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, Isaac Gómez.

 

Durante o encontro, no que máis de 200 representantes de diferentes rexións de Europa abordan cuestións significativas como a acción climática e o proceso de adaptación a ela, a Xunta remarcou o seu compromiso para promover e apoiar a adhesión dos concellos galegos a esta iniciativa que busca afianzar unha estrutura de gobernanza que involucra ao ámbito rexional e local cara a obxectivos compartidos na mitigación do cambio climático.

 

Así, no seu papel de coordinadora do Pacto das Alcaldías, a Xunta creou unha oficina técnica de asesoramento e publicou dúas ordes de axudas ás entidades locais asinantes deste compromiso.

 

Este esforzo conseguiu incrementar o número de concellos adscritos dos 22 en 2017 -ano no que Galicia asumiu a coordinación desta iniciativa -aos 285 actuais, dos que 247 xa presentaron os seus Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES).

 

Cómpre lembrar que a presentación dese PACES é un dos requisitos que asumen os concellos ao adherirse a este Pacto e no cal deben esbozar as accións clave que pretenden acometer con respecto a esta cuestión. De feito, a Xunta seguirá a prestar apoio técnico e económico aos municipios para a elaboración dos mencionados plans.

 

Ademais, de cara ao futuro, a lei do clima que está a preparar o Goberno galego terá moi presente a implicación dos concellos no cumprimento do obxectivo da neutralidade climática no ano 2050.

 
 

 

Imaxes relacionadas