Fernández-Tapias lamenta que Vigo perda a oportunidade de liderar o movemento municipal polo cambio climático

A delegada territorial da Xunta critica “o nulo compromiso” do alcalde neste eido, que non chegou a presentar o preceptivo Plan de Acción pola Enerxía Sostible cando formaba parte do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía

Convida ao rexedor a adherirse de novo a esta iniciativa, subscribir os obxectivos de neutralidade climática 2050 e nesta ocasión “facer os deberes que lle corresponden”

A representante autonómica lembrou que o Goberno galego asumiu en 2018 un papel activo como coordinadora do Pacto na Comunidade e activou un ano despois a oficina técnica de coordinación e asesoramento ás entidades locais interesadas
 

Vigo, 29 de setembro de 2022.-

A delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, lamentou que pola falla de compromiso co cambio climático do alcalde, Abel Caballero, Vigo non lidere en Galicia o Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía, o maior movemento en mundial de autoridades municipais para combatelo.

 

Tras lembrar que Vigo foi no seu día a primeira cidade galega en asinar o referido pacto, lamentou que fora expulsada por non presentar a tempo o preceptivo Plan de Acción pola Enerxía Sostible —desde a súa adhesión en 2011 tiña dous anos para implantalo—. Así, Fernández-Tapias explicou que Vigo quedou fóra dunha iniciativa que naceu en Europa no 2008, e que a día de hoxe implica a 9.000 autoridades locais e rexionais en 57 países, 285 delas en Galicia.

 

“Incumpriu o compromiso co pacto e agora o pagamos todos os vigueses”, advertiu a representante autonómica. Na súa opinión, “vimos de perder unha importante oportunidade de formar parte da rede mundial de cidades comprometidas coa emerxencia climática”.

 

Fernández-Tapias recordou que en 2018 a Xunta asumiu de forma oficial os labores de coordinadora da iniciativa na Comunidade e un ano máis tarde activou a Oficina Técnica do pacto para proxectar o traballo conxunto co municipalismo galego. O Executivo autonómico convertíase así no interlocutor directo cos concellos a través deste instrumento, co que se apoia ás entidades locais para que coñezan o marco regulador, lexislativo e económico, con asesoramento personalizado para cada caso e identificando posibles sinerxías.

 

Coa vista posta agora nos obxectivos de neutralidade climática 2050 (cero emisións netas de gases de efecto invernadoiro), a delegada territorial convidou ao rexedor a sumarse de novo ao pacto e, nesta ocasión, “facer os deberes que lle corresponden”.

“É o que ten que facer para corrixir esta situación, adherirse e traballar a prol da loita contra o cambio climático”, indicou a delegada territorial.