O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do municipio pontevedrés, Xosé Emilio Barros, visitaron hoxe o equipamento

A Xunta presta coidados profesionais para favorecer o envellecemento activo dunha trintena de maiores no centro de día de Mondariz

A través da rede pública de servizos de atención diúrna favorécese a autonomía das persoas de avanzada idade sen saír do seu contorno, ademais de supoñer un importe apoio para a conciliación das familias

Mondariz (Pontevedra), 30 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia ofrece atención e coidados integrais a unha trintena de persoas maiores que asisten diariamente ao centro de día de Mondariz, pertencente á rede pública do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O xerente deste ente dependente da Consellería de Política Social e Xuventude, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá as instalacións acompañado do alcalde do municipio pontevedrés, Xosé Emilio Barros.

 

Perfecto Rodríguez destacou o traballo que realizan os profesionais deste equipamento, cun amplo programa de actividades e servizos para promover a autonomía persoal dos usuarios. Tamén explicou que este recurso, ao igual que o resto de centros de maiores do Consorcio, presta unha atención de ámbito comarcal, pois ao mesmo acoden veciños de Mondariz e tamén de concellos limítrofes, como Ponteareas ou Mondariz-Balneario.

 

Ademais de fomentar un envellecemento activo, o xerente do Consorcio resaltou que os centros de día funcionan como un espazo para favorecer as relacións sociais dos maiores e a permanencia na súa contorna, evitando posibles situacións de soidade non desexada. Outro aspecto que destacou destes servizos é que constitúen un apoio fundamental para a conciliación das familias.

 

Elevada ocupación

Por outra banda, manifestou a súa satisfacción polo alto nivel de ocupación que rexistran os centros de día do Consorcio, o cal xa é nestes momentos similar ao que tiñan antes da pandemia. Para o xerente deste ente público isto demostra a confianza das familias no funcionamento e nos profesionais destes servizos, así como que as medidas de prevención que se tomaron no seu día para facer fronte á covid-19 foron acertadas.

 

Durante a súa visita, Perfecto Rodríguez e o alcalde de Mondariz renovaron o convenio de xestión do centro de día, que seguirá recaendo no Consorcio e que xa está adaptado ao modelo de cofinanciamento acordado no seu día coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Esta renovación do convenio prodúcese unha vez que se chegou a un acordo co Concello para saldar a débeda de anos anteriores.

Imaxes relacionadas