Trenor reclama, na presentación da exposición “O cerco, un xeito de vida”, unha fronte común para frear o veto á pesca de fondo

 O delegado da Xunta participou na presentación desta mostra organizada pola Asociación de Armadores do Cerco de Galicia no kiosko Alfonso

Trenor destacou que esta exposición camiña cara os obxectivos desta entidade que son destacar a calidade e os beneficios do peixe de proximidade e de fomenter o traballo sostible deste sector
 

A Coruña, 30 de setembro de 2022 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá na presentación da exposición “O cerco, un xeito de vida” que abriu as súas portas no kiosko Alfonso da Coruña.

Na súa intervención destacou o esforzo da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia por montar esta exposición que camiña cara os obxectivos desta entidade que son destacar a calidade e os beneficios do peixe de proximidade e a de fomentar o traballo sostible deste sector.

Trenor subliñou que en pleno debate sobre se o cerco é pesca artesanal ou se converteu xa nunha industria, “esta exposición revélanos un universo de empresas familiares ligadas a poboacións costeiras non moi grandes, onde contribuídes a fixar poboación e ao desenvolvemento económico, xerando en conxunto máis de 1.100 empregos directos”.

O delegado da Xunta tamén recalcou a grave situación xerada pola decisión da Comisión Europea de expulsar a todas as artes de fondo —arrastre, palangre, rascos, enmalle, volanta, dragas e nasas— de 87 caladoiros comunitarios. “O veto á pesca de fondo tería un impacto directo de ata 816 millóns de euros na economía galega e podería afectar a arredor de 4.400 tripulantes”, lembrou o delegado.

Nesta liña, insistiu en que “por parte da Xunta imos a facer todo o que estea nas nosas mans, e máis se cabe, para que esta prohibición se paralice porque ademais de nociva está mal sustentada”. Por iso, aproveitou a ocasión para reiterar, en nome da Xunta de Galicia, “a necesidade de conformar unha fronte común e belixerante que defenda ?neste momento, como sucedeu no pasado e como deberá ocorrer en todo futuro? os intereses da nosa frota”.

Imaxes relacionadas