O presidente da Xunta interveu no acto de apertura do IV Foro La Toja – Vínculo Atlántico

Rueda enxalza os proxectos políticos sólidos, amplos e estables como o de Galicia como o mellor xeito de defender e promover as democracias

Sinala que a Comunidade seguirá contribuíndo ao fortalecemento dos sistemas democráticos pola vía dos feitos, desde a experiencia, a responsabilidade e a unidade dos cidadáns, e aportando á España constitucional e á Europa unida

Incide en que, ademais das ameazas externas e o mal do populismo, tamén existen riscos na falta de eficacia na xestión, no afastamento da realidade cotiá dos cidadáns e no desaproveitamento de oportunidades como as da reconstrución

 

Illa da Toxa (Pontevedra),  29 de setembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe os proxectos políticos sólidos, amplos e estables como o de Galicia como o mellor xeito de defender e promover os sistemas democráticos liberais. Na súa intervención no acto de apertura do IV Foro La Toja – Vínculo Atlántico, presidido pola Súa Maxestade o Rei Felipe VI, advertiu que ante os riscos que as ameazan dentro e fóra, a mellor defensa das democracias consiste en consolidala con menos retórica e máis feitos, de xeito que se evidencie como o modelo óptimo para garantir a liberdade e promover o benestar. 

Galicia –engadiu— aspira a seguir contribuíndo a este obxectivo pola vía dos feitos, desde a experiencia, a responsabilidade e a unidade dos cidadáns, cunha proximidade que non oculte, rexeite ou edulcore unha realidade incerta, pero que traslade aos galegos a garantía de que as súas prioridades son as do seu Goberno. “Poden contar con Galicia, esta terra non caerá no erro de menosprezar aquilo que nos trouxo ata aquí”, subliñou, ao tempo que referendou o compromiso de seguir aportando á España constitucional –coa Coroa como a súa máxima expresión— e á Europa unida.

Rueda lembrou que os acontecementos dos últimos anos probaron que a conquista da democracia debe ser permanente, porque así o é tamén o autoritarismo e a tiranía. Así, nun clima marcado pola hostilidade nas relacións internacionais, a crise enerxética, a revolución tecnolóxica, o clima e a guerra, o mandatario autonómico tivo palabras de solidariedade e apoio co pobo ucraíno, merecedor do Premio Foro La Toja.

Sinalada a invasión rusa e os problemas de inflación e de enerxía derivados do conflito como o principal problema externo das democracias liberais na actualidade, Rueda tamén asegurou que existen problemas derivados do mal uso das democracias. Por parte dos populismos e extremismos de todo signo, que empregan os resortes do sistema para minalas desde dentro; e tamén os da ineficacia na xestión. “Os que batallamos contra os inimigos de fóra e de dentro non podemos ignorar esa responsabilidade”, incidiu.

Por esa razón, o presidente galego advertiu que tamén son riscos o desgaste institucional, afastarse da realidade cotiá con polémicas incomprensibles ou desaproveitar as oportunidades de reconstrución e mirar cara os horizontes climáticos e tecnolóxicos sen atender a quen se deixa atrás.

Galicia, no centro da reflexión

Rueda, ademais de salientar o papel de Amancio López Seijas como impulsor do evento, deu a benvida aos convidados á illa da Toxa, que se consolida como escenario para a reflexión e reflicte a Galicia como a ponte que sempre foi entre as beiras atlánticas de América e Europa e como terra de Camiños. Deste xeito, agradeceu a presenza da Súa Maxestade o Rei en Galicia e a estima que manifesta por Galicia. “É aquí onde conflúen os camiños e é aquí onde se constrúen outros cara unhas democracias máis fortes e unhas sociedades máis libres”, concluíu.

 

Imaxes relacionadas