A Unión Europea selecciona Galicia para formar parte da misión de adaptación ao cambio climático

? Ángeles Vázquez salienta que a Comunidade terá a oportunidade de situarse á vangarda na mitigación deste fenómeno compartindo experiencias e aproveitando sinerxías con outras rexións

? Lembra que está en fase de elaboración a Lei galega do clima, unha norma que fixará que todas as políticas, estratexias, plans de acción e regulacións que se impulsen desde a Xunta deberán ponderar os seus efectos sobre esta cuestión
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022.- A Unión Europea selecciona Galicia para formar parte da Misión de Adaptación ao Cambio Climático, unha iniciativa cuxo obxectivo é apoiar ás comunidades para acelerar a súa transformación cara á resiliencia climática, prestándolles axuda para comprender, prepararse e xestionar mellor os riscos introducidos por este fenómeno.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou que con esta adhesión, Galicia terá a oportunidade de situarse á vangarda na mitigación do cambio climático compartindo experiencias e aproveitando sinerxías xunto con outras rexións.

 

Ademais, a Comunidade ratifica o seu compromiso de apostar pola neutralidade climática e impulsar os esforzos de adaptación a través da participación dos cidadáns no proceso de toma de decisións e mediante o estímulo de investimentos públicos e privados.

 

Nesa liña, segundo lembrou Ángeles Vázquez, o Goberno galego mantén unha firme aposta por unha Galicia neutra, verde e resiliente, tal e como constata o feito de que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda conte cun departamento específico para abordar todas as cuestións relativas a esta materia.

 

Así, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático impulsou en 2019 a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 (EGCCE), no marco da que xa se desenvolveron actuacións que abarcan as diferentes áreas de traballo da Misión de Adaptación ao Cambio Climático.

 

A maiores, consciente tanto da importancia da investigación como base de coñecemento para a toma de decisións como do carácter transversal desta cuestión, a Xunta creou a Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da EGCCE 2050 para garantir a implicación dos diferentes departamentos.

 

Para concluír, a conselleira salientou que actualmente está en fase de elaboración a Lei galega do clima, unha norma, prevista para o vindeiro ano, que fixará que todas as políticas, estratexias, plans de acción e regulacións que se impulsen desde o Goberno galego deberán ponderar os seus efectos sobre este fenómeno mundial.

 

Deste xeito, as medidas e accións que se deseñen e desenvolvan en Galicia defenderán os principios de precaución e de responsabilidade medioambiental, de xeito que se prioricen as posturas de protección; o de sostibilidade, para construír unha sociedade máis evolucionada, xusta, responsable e resiliente; e os de dilixencia medioambiental e non causar prexuízo significativo, de xeito que todas as respostas ao cambio climático beneficien á totalidade da poboación.

 

Imaxes relacionadas