O proxecto da Lei reguladora dos xogos de Galicia permitirá adaptar a normativa á realidade actual e garantir un xogo responsable

O presidente da Xunta puxo en valor que, despois dunha “longa andaina”, o Consello da Xunta lle dese hoxe o visto e prace á norma que iniciará o seu trámite parlamentario tras un proceso en que participaron todos os colectivos implicados e que se prevé que estea en vigor no 2023

O vicepresidente segundo foi encargado de explicar polo miúdo as novidades relacionadas coa limitación na apertura de novos establecementos e o aumento das distancias respecto a centros escolares e centros de rehabilitación de persoas xogadoras patolóxicas; así como a prohibición de publicidade nos medios públicos; e a habilitación de control de acceso

A norma tamén recolle actuacións en materia de prevención, protección e sensibilización para protexer os colectivos máis vulnerables
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor que, tras unha “longa andaina”, o Consello da Xunta aprobase hoxe o proxecto da Lei reguladora dos xogos de Galicia que, segundo subliñou, “busca garantir a práctica responsable e coidar das máis persoas máis vulnerables”.

 

Rueda explicou que a normativa tiña “moito tempo, máis de 30 anos e, por tanto, precisaba unha adaptación aos tempos actuais”. “Cambiou a vida en xeral e os hábitos se xogo”, argumentou para respaldar a posta en marcha desta nova normativa, que iniciará agora o trámite parlamentario para a súa aprobaciónco obxectivo de que entre en vigor, segundo avanzou, o próximo ano.

 

A Xunta, consciente da preocupación social que se xera ao redor do xogo, puxo en marcha o novo texto lexislativo coa premisa de adaptar a norma vixente desde 1985 aos tempos actuais e aos novos modelos de xogo regulando tamén un xogo responsable.

 

O presidente do Executivo galego remarcou o feito de que o texto comezará a tramitación parlamentaria despois dun proceso de elaboración froito “dun preoceso longo de diálogo “do Goberno galego con todos os colectivos implicados. Por iso, creouse un grupo de traballo de xogo responsable en que participaron todos os sectores de xogo; a Administración autonómica nas áreas de sanidade, educación, política social e emerxencias; a universidade e asociacións de loita contra a ludopatía. Ademais, atendéronse as recomendacións de profesionais coñecedores das adiccións.

 

Co obxectivo de dar resposta aos cambios en materia de xogo nos últimos anos, a Xunta ten realizado varias modificacións da lei vixente pero a nova norma ofrecerá un novo marco xurídico situando a Galicia na vangarda da lexislación española neste ámbito. A actividade do xogo ten unhas características intrínsecas que fan necesaria unha intervención por parte da Administración para ofrecer seguridade, garantir a protección dos menores de idade e das persoas que o precisen por motivos de saúde e velar pola orde pública. Nesta liña, crearase o Observatorio Galego de Xogo como órgano colexiado encargado do estudo, avaliación e seguimento das políticas de xogo.

 

Limitación en novas aperturas, prohibición de publicidade e control de acceso

Tras a intervención de Rueda, o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, foi o encargado de debullar polo miúdo o texto aprobado hoxe, do que salientou que recolle importantes “novidades” en materia de prevención, protección e sensibilización.

 

Deste xeito, avanzou que fixa un límite de número de establecementos e terminais de xogo que se poden instalar na comunidade ata un máximo de 2 casinos e 2 salas adicionais, 12 bingos, 118 salóns de xogo e 41 tendas de apostas. Cómpre lembrar que está vixente o decreto de 2019 que impedía a apertura de novas instalacións restrinxindo ás existentes naquel momento. Actualmente existen 114 salóns de xogo, 33 tendas de apostas, 2 casinos e 1 sala adicional e 10 bingos. En todos os casos, segundo precisou Calvo, a duración fixada para todas as autorizacións, que ata agora era indefinida, será de 15 anos.

 

Outra das restricións prohibe conceder préstamos ou créditos a persoas usuarias de xogos e tampouco se permitirá conceder bonificacións, partidas gratuítas ou calquera elemento que se poida trocar por diñeiro. Pola súa parte, os concellos poden aplicar outras limitacións e restricións adicionais canto á apertura de establecementos de xogo.

 

No caso das máquinas de xogo, o anteproxecto fixa un máximo de 2 máquinas de calquera dos tipos nos establecementos de restauración e de lecer e entretemento, isto é, máquinas de tipo A especial - aquelas que, a cambio dun prezo, poden conceder eventualmente un premio directo en diñeiro ou especie- tipo B –con prezo programado- ou terminais físicos de xogo de ámbito estatal non reservado e máquinas auxiliares de apostas. En ningún caso se permitirían en hostalaría máquinas de tipo C que son máquinas de azar exclusivas de casinos de xogo e sen límite en canto ao premio máximo que poden outorgar.

 

En todo caso, o número total de autorizacións para máquinas auxiliares de apostas nestes locais non poderá superar as 3.600 en toda Galicia. O número de autorizacións de explotación de máquinas de tipo B queda limitado na comunidade a un máximo de 12.000. Xunto con este máximo de autorizacións prevese a súa retirada de xeito progresivo segundo vaian pasando a baixa definitiva. A estes negocios obrigaráselles a instalar un dispositivo que impide o xogo por parte dos menores nas máquinas auxiliares de apostas.

 

Por tanto, reforzaranse os controis para que sexan máis efectivos. Así, segundo remarcou o vicepresidente segundo, todos os establecementos de xogo -casinos, salas de bingos, salóns de xogo e tendas de apostas- quedan obrigados a dispor dun control de acceso para evitar a entrada de menores de idade e persoas que figuran inscritas de xeito voluntario no Rexistro de Prohibidos. Os menores de idade e as persoas que teñan reducidas as súas capacidades ou se atopen incapacitadas legal ou xudicialmente, así como as persoas con problemas de adicción ao xogo ou en risco de padecelo, terán denegada a práctica e a entrada aos establecementos de xogo. Nos casinos e salas de bingo tamén se exixirá rexistro de admisión.

 

No Rexistro de Prohibidos figuran as persoas físicas que o soliciten de forma voluntaria coa finalidade de facer efectivo o dereito a que se lles prohiba a participación nas actividades de xogo e a entrada en todos os establecementos de xogo de Galicia. Tamén constan no rexistro as persoas que, por resolución xudicial, teñan limitado o acceso a actividades de xogo ou persoas con discapacidade suxeitas a medidas de apoio que afecten a súa libre participación nos xogos e apostas.

 

Por outra banda, co obxectivo de protexer estes colectivos máis vulnerables, a nova norma prohibirá todo tipo de publicidade do xogo de competencia autonómica na radio e na televisión públicas de Galicia.

 

Cómpre aclarar que a Xunta só pode regular o xogo presencial, xa que o xogo online é de competencia estatal. Por iso, a norma non pode prohibir a publicidade de xogo online porque é competencia estatal. Ata a aprobación do desenvolvemento regulamentario só se permite a publicidade en prensa escrita e dos aspectos básicos do xogo sen ningún outro mensaxe que poida incitar ao xogo.

 

Aumento das distancias a centros de ensino e de rehabilitación

Diego Calvo tamén salientou o feito de que na nova lei estará prohibida a apertura de establecementos de xogo a unha distancia inferior a 300 metros dos centros de ensinanza regrados a menores de idades e dos centros oficiais de rehabilitación de persoas xogadoras patolóxicas, e á mesma distancia de calquera outro local de xogo. Ademais, as distancias mediranse en forma radial polo que se amplían respecto aos 150 metros lineais actuais.

 

Políticas de xogo responsable

A Xunta desenvolverá actividades de prevención da ludopatía dirixidas á poboación en xeral e adoptará medidas tendentes a desincentivar os hábitos e condutas patolóxicas relacionadas co xogo, con especial atención aos sectores sociais máis vulnerables. As accións preventivas dirixiranse á sensibilización, información e difusión das boas prácticas do xogo e dos posibles efectos que unha práctica non adecuada do xogo pode producir.

 

Sancións e entrada en vigor

O vicepreisdente segundo andiantou tamén que as infraccións das medidas recollidas no texto suporán sancións administrativas entre os 100 e os 100.000 euros segundo se trate de casos moi graves, graves ou leves. Nos máis graves, segundo precisou, serán desde 18.001 a 100.000, aínda que apuntou que o límite máximo será de 600.000 euros cando proceda aplicar criterios de gradación co fin de que o incumprimento das medidas non resulte para a persoa infractora máis beneficioso que o seu cumprimento.

 

Ademais, informou de que nos casos graves e moi graves poderanse tomar medidas como a suspensión da autorización da actividade ou da explotación para máquinas de xogo, o peche do establecemento, a inhabilitación temporal ou a incautación das máquinas obxecto da infracción. En todos os casos o período máximo destas medidas será de dous anos.

 

Por outra banda, prevese un prazo de dous anos para que as empresas de xogo adapten as máquinas recreativas de azar, de apostas e os establecementos ao disposto da lei, mantendo os regulamentos existentes ata a súa entrada en vigor. No caso da instalación das máquinas B e de apostas nos establecementos de hostalería o prazo é dun ano antes de que perdan a súa autorización e xa non podan instalarse.

 

Imaxes relacionadas