A Xunta apoia a cuarta edición do proxecto ‘Nortear Ilustrado San Simón’ para fortalecer os lazos profesionais entre creadores de Galicia e Portugal

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación do encontro, que se celebra na illa redondelá ata o 1 de outubro
 

Está dirixida polo prestixioso ilustrador David Pintor e participarán artistas do ámbito da ilustración e deseño gráfico dos dous lados do Miño os galegos Uxía Pin e Alejandro Viñuela e as portuguesas Cátia Vidinhas e Margarida Nóbrega
 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades participa tamén na presentación das xornadas ‘Videoxogo e literatura. Unha mirada transversal'

Redondela (Pontevedra), 29 de setembro de 2022

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na presentación da cuarta edición do proxecto Nortear Ilustrado San Simón, unha residencia artística que se celebrará desde hoxe mesmo ata o sábado 1 de outubro na illa redondelá, co apoio da Xunta de Galicia.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importancia de iniciativas coma esta, “que impulsan e fortalecen os xa estreitos lazos que existen desde hai séculos entre a cultura galega e portuguesa, neste caso concreto, entre os profesionais da ilustración e do deseño gráfico a unha e outra beira do Miño”.

 

Un cartel interxeracional

Esta edición do encontro volve apostar pola convivencia entre creadores de diferentes xeracións e estilos artísticos. Baixo a dirección artística do prestixioso ilustrador David Pintor, protagonizan o encontro pola parte galega a ilustradora e deseñadora gráfica Uxía Pin (Lugo, 1980) e o deseñador gráfico, historietista e ilustrador Alejandro Viñuela Agra (A Coruña, 1979), coñecido artisticamente como Jano.

 

En representación de Portugal participan Cátia Vidinhas (Bragança, 1989), que se desenvolve nos eidos da ilustración, o deseño gráfico, o ensino e o cinema de animación, e Margarida Nóbrega (Vila Real, 1997), que representa a nova fornada de creadoras e ilustradoras do país veciño.

 

Os participantes compartirán tres xornadas de actividades co propósito de fortalecer o coñecemento mutuo do sector e producir obra plástica orixinal inspirada na illa e o vínculo desta coas Rutas Xacobeas a Compostela. Como resultado da súa estancia nesta residencia artística, producirán cadanseu caderno de autor, que se sumarán á colección de materiais xerados en anteriores edicións.

 

Ademais, estarán presentes 75 estudantes procedentes das Escolas de Arte e Superiores de Deseño Pablo Picasso da Coruña, Antonio Faílde de Ourense e Ramón Falcón de Lugo, que terán a oportunidade de coñecer de primeira man a traxectoria profesional dos creadores convidados e compartir con eles un espazo de conversa e debate.

 

Esta residencia artística encádrase no programa de intercambio cultural entre Galicia e Portugal Nortear, que ten como entidades promotoras a Xunta de Galicia, a Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNPAECT), así como con representantes de Turismo de Galicia e de Turismo Porto e Norte.

 

Impulso dos videoxogos

O director xeral de Cultura participa tamén esta tarde na presentación da IV edición das xornadas Videoxogo e Literatura. Unha mirada transversal, organizadas pola Fundación Carlos Casares co apoio do Goberno galego.

 

O obxectivo deste encontro é ampliar o coñecemento público do sector, debullar as perspectivas de crecemento e integración na cadea da cultura, apuntar os retos e desafíos que enfrontan os seus profesionais e abordar a industria desde todas as súas perspectivas: a do guión, a da tradución ou a empresarial, entre outras. Constitúe, ademais, a posibilidade de interactuar coas figuras máis relevantes, dinámicas e prometedoras da industria do lecer interactivo en cada unha das súas especialidades.

 

Para iso, nas xornadas reúnense distintos representantes dos sectores do videoxogo e do sector do libro (empresarios, programadores, guionistas, compositores de bandas sonoras, artistas gráficos, tradutores, etc.), agrupados en mesas redondas e charlas técnicas. O programa complétase cunha mostra específica realizada pola Fundación Museo do Videoxogo de Galicia coa colaboración da Fundación MARCO, que mestura visitas guiadas e virtuais.

Imaxes relacionadas