A Xunta apoia o asociacionismo no eido local cun investimento en axudas específicas de case 16 M€

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta dos resultados da medida posta en marcha en 2016 e destinada a entidades veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas

Prieto destacou o éxito, a participación, a execución e a satisfacción ante a resposta das entidades nestes sete anos, nos que se financiaron 1.345 proxectos ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria

Neste ano o Goberno galego
incrementou o orzamento ata os tres millóns de euros e ten previsto mantelo no vindeiro exercicio
 

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022.-

A Xunta apoia o asociacionismo no eido local cun investimento en axudas específicas que suma case 16M€ desde a posta en marcha da liña, en 2016. Así o indicou hoxe a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, na Comisión 1ª Institucional de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento, na que compareceu para dar conta das axudas a entidades veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas no marco do Plan específico de acción comunitaria.

Natalia Prieto destacou o éxito, a participación, a execución e a satisfacción ante a resposta das entidades ao longo dos sete anos de desenvolvemento da iniciativa, coa que se financiaron 1.345 proxectos. A meirande parte deles foron promovidos por asociacións veciñais, con 753 iniciativas que sumaron máis de 9,3M€ en achegas da Xunta, seguidos dos de comunidades de usuarios, con 520 actuacións e un orzamento de 6M€, e dos de asociacións de mulleres rurais, con 72 proxectos e 459.000 euros recibidos.

Segundo sinalou a directora xeral, as axudas centráronse en obras e equipamentos nos locais das entidades, camiños veciñais e traídas de augas “coa finalidade de mellorar os servizos de interese veciñal”. Así, as asociacións veciñais e de mulleres rurais destinaron as achegas sobre todo aos seus locais, con melloras na accesibilidade, no illamento térmico, na confortabilidade e nas dotacións, entre outras. Actuaron tamén noutros equipamentos comunitarios, como parques infantís, campos de festa, velorios ou aparcadoiros.

Pola súa banda, as comunidades de usuarios de augas realizaron obras de captación, para a redución de perdas de auga e para mellorar a xestión, medición ou o control da calidade da auga, así como para optimizar o aforro e a eficiencia enerxética, entre outras.

“Desde a Xunta recoñecemos o importante papel que desenvolve o asociacionismo no mundo rural, como un dos máis importantes instrumentos de participación cos que conta a Administración Local”, apuntou Natalia Prieto.

Incremento dun 20% no orzamento

Nesta liña, a directora xeral salientou o incremento do presuposto destinado ao Plan específico de acción comunitaria neste ano, con 3M€ que beneficiaron a 224 entidades. “Trátase do importe máis elevado xunto co de 2016, cando comezou esta liña de subvencións e un 20% máis que o ano pasado”, engadiu. Segundo anunciou, esta contía se manterá nos presupostos de 2023 como mostra do “compromiso do Goberno galego co asociacionismo municipal e para seguir axudando a máis colectivos”.

Canto á distribución provincial das achegas de 2022, A Coruña recibiu 216.637 euros para 17 entidades; 157.487 euros a 12 asociacións de veciños; outros 45.782 a catro comunidades de usuarios de augas, e 13.367 euros a unha asociación de mulleres rurais.

 

Na provincia de Lugo, a contía ascendeu a 433.588 euros que beneficiaron a 31 entidades. A meirande parte deles, 421.588, foron para 30 asociacións de veciños e os 12.000 restantes para unha asociación de mulleres rurais. Pola súa banda, 37 entidades de Ourense recibiron 532.281 euros, dos que 471.259 se destinaron a 31 asociacións de veciños, 36.000 a tres comunidades de usuarios de augas, e 25.000 a tres colectivos de mulleres rurais.

 

Pontevedra é a provincia que concentra máis axudas, cun importe que suma 1,8M€ para 139 entidades. Neste caso son as comunidades de usuarios de augas as que reciben a maior contía, 1,3M€ que se distribúe entre 104 entidades. A maiores, 34 asociacións de veciños dispoñen de 489.147 euros e unha de mulleres rurais, de 8.892 euros.