O programa de voluntariado ambiental da Xunta permitiu a recollida de máis de dúas toneladas de lixo en espazos naturais da comunidade

Esta actividade tivo lugar en 12 zonas de valor medioambiental e desenvolveuse durante as fins de semana do 29 de abril ata o 11 de setembro
 

Permitiu realizar tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras ou a catalogación de fauna e flora
 

O 66% dos participantes tiñan entre 18 e 30 anos, mentres que o 34% restante era maior de 30 anos

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2022

O programa interxeracional de voluntariado ambiental da Xunta de Galicia permitiu a recollida de dúas toneladas e media  de lixo en espazos naturais da Comunidade, así como o control de especies invasoras en máis de 12.000 metros cadrados do territorio. Esta iniciativa permitiu que 250 persoas voluntarias fixesen traballos de conservación en diferentes espazos protexidos durante as fins de semana do 29 de abril ao 11 de setembro.

 

O programa interxeracional de voluntariado ambiental, posto en marcha polas Consellerías de Política Social e Xuventude e a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ofreceu unha completa proposta de actividades que pretendían impulsar o respecto e o coidado polo patrimonio natural de Galicia. Entre as accións realizadas atópanse 40 horas de sesións formativas, xornadas de recollida de lixo e de control de especies invasoras, así como visitas guiadas a centros e sendas naturais.

 

O obxectivo desta iniciativa é concienciar a distintas xeracións sobre a importancia de coidar do medio ambiente. O 90% das prazas ofertadas nesta segunda edición foron cubertas e os participantes pertencían a distintas franxas de idade, o 66% deles tiñan entre 18 e 30 anos, mentres que o 34% restante eran maiores de 30 anos. Así mesmo, dos 250 voluntarios, 117 procedían da provincia da Coruña, 94 da de Pontevedra, 21 da de Ourense e oito da de Lugo.

 

Patrimonio protexido

En concreto, as actividades tiveron lugar en 12 espazos naturais: no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia; nos parques naturais de Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia e Fragas do Eume; e nas reservas de biosfera Terras do Miño, Río Eo, Oscos e Terras de Burón, As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, e na Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel; así como na reserva transfronteiriza Gêres-Xurés.