Fernández-Tapias destaca que o “CAP de Barbaria” sitúa ao naval vigués á vangarda e preparado para afrontar os retos futuros desta industria

A delegada territorial da Xunta asistiu hoxe á botadura do primeiro ferri eléctrico construído en España que será destinado a dar cobertura á liña Ibiza-Formentera

Destacou a unidade do naval como a mellor garantía para concorrer aos fondos do Perte do sector e avogou por promover proxectos que aposten “pola tecnoloxía, a sostibilidade e o traballo conxunto”

Vigo, 28 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiu este mércores á botadura do primeiro ferri eléctrico construído en España, en alianza entre o Grupo Armón e Balearia, e que será destinado a dar cobertura á liña Ibiza-Formentera.

 

Durante a súa intervención no acto celebrado na sede viguesa do construtor naval, a representante autonómica destacou que o “CAP de Barbaria” sitúa ao sector vigués “á vangarda e preparado para afrontar os retos futuros desta industria”. Uns retos que, dixo, pasan indiscutiblemente porque Vigo e, por extensión Galicia, saían beneficiados no reparto dos fondos europeos. 

 

Convidou así a seguir o exemplo de Armón e Balearia, cunha unión que converte ao sector naval galego en pioneiro ao asumir un proxecto destas características, e a traballar conxuntamente na presentación de proxectos de éxito, “que garantan para a Comunidade un reparto de fondos acorde ao peso dun sector que é determinante para Galicia”.

 

Tras destacar a unidade demostrada polo naval desde Galicia como a mellor garantía para concorrer aos fondos do Perte do sector, Fernández-Tapias avogou por aproveitar unha “oportunidade única” e promover proxectos que aposten “pola tecnoloxía, a sostibilidade e o traballo conxunto”. “O noso desexo é que, polos argumentos que hoxe falan por si mesmos, Vigo e Galicia sexan beneficiadas no reparto”, anotou.

 

Para rematar, a delegada territorial agradeceu a Balearia a súa confianza “no talento e saber da industria naval viguesa” e a Armón “por liderar en toda España a transformación sostible deste sector”. Un sector que afronta grandes retos, entre os que citou avanzar na redución de emisións, incorporar sistemas de combustión alternativos como o hidróxeno verde, desenvolver sistemas de navegación intelixente e autónoma e potenciar a modernización tecnolóxica dos materiais.

Imaxes relacionadas