A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe con representantes municipais da provincia de Pontevedra no marco da rolda de contactos iniciada este mes

A Xunta anima aos concellos costeiros a implicarse na redacción da futura Lei de ordenación do litoral en defensa dos seus intereses

Ángeles Vázquez considera necesario impulsar unha norma propia neste eido para responder aos “continuos ataques” do Goberno central aos intereses da costa galega
 

Advirte de que os últimos cambios introducidos no marco normativo vixente poñen en risco só nesta provincia máis de 1.700 edificacións en dominio público marítimo-terrestre, incluídos 22 centros educativos, 92 instalacións deportivas e 5 mercados
 

O Goberno autonómico confirma ante alcaldes e concelleiros a súa decisión de recorrer ante o Tribunal Supremo a recente reforma do Regulamento de costas

Pontevedra, 28 de setembro de 2022

A Xunta anima aos concellos costeiros de toda Galicia a implicarse activamente no proceso de elaboración da futura Lei de ordenación do litoral, chamada a ser a primeira norma autonómica neste eido e que, polo tanto, terá unha gran transcendencia para todos os municipios asentados na franxa costeira.

 

Así o trasladou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ante un auditorio conformado por alcaldes e representantes municipais dunha ducia dos 27 concellos costeiros de Pontevedra que estaban convocados para abordar os obxectivos principais da nova lei e emprazalos a trasladar as súas achegas para enriquecer o documento.

 

Acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a secretaria xeral Técnica da Consellería, Carmen Bouso, a conselleira lembrou que esta reunión se enmarca na rolda de contactos aberta para avanzar na elaboración da Lei de ordenación do litoral de Galicia, en fase de consulta pública previa ata o 17 de outubro.

 

Tras explicar que este é o primeiro dos encontros previstos cos máis de 80 concellos costeiros galegos, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de que o municipalismo se sume tamén a este proceso, subliñando a necesidade de impulsar unha norma propia neste eido en resposta aos “continuos ataques” do Goberno central aos intereses do litoral galego e para acadar o autogoberno pleno sobre a súa costa. “Sendo conscientes de que Galicia non pode darlle as costas ao mar desde o punto de vista medioambiental pero tamén social e económico, non nos queda outra que lexislar”, declarou.

 

Neste sentido, explicou que, segundo o inventario de bens en dominio público marítimo-terrestre realizado pola Xunta, os cambios impulsados desde o ano 2018 polo Goberno central na normativa de Costas poñen en risco só na provincia de Pontevedra 1.762 edificacións localizadas nesta franxa, tanto inmobles e instalacións de carácter privado —incluídas vivendas ou empresas— como outros de uso público e dotacional.

 

No caso do litoral pontevedrés, a conselleira subliñou o impacto que as últimas decisións do Goberno central e a súa interpretación “subxectiva” e “cada vez máis restritiva” da normativa sectorial de costas terá sobre centros educativos, instalacións deportivas, mercados de abastos e cámpings no DPMT. De feito, máis da metade dos inmobles deste tipo identificados en Galicia pertencen a concellos de Pontevedra.

 

A modo de exemplo, referiuse a que esta provincia concentra 22 dos 35 centros educativos inventariados en todo o DPMT galego; 92 das 172 instalacións deportivas; 7 dos 11 mercados e prazas de abastos afectados; e 5 dos 7 cámpings en risco nesta franxa costeira.

 

Nesta liña, lembrou nos últimos anos o Executivo central vén encadeando toda unha serie de decisións e cambios normativos co obxectivo de eliminar progresivamente toda actividade social e económica da franxa costeira.

 

En concreto, cómpre lembrar as modificacións introducidas na duración das concesións en dominio público a través da Lei de cambio climático ou a modificación este mesmo verán do Regulamento xeral de costas, aínda máis restritivo que a anterior e cuxa aprobación, confirmou, será recorrida pola Xunta ante o Tribunal Supremo co fin de manter a actividade económica e garantir o emprego vencellado ao litoral.

Imaxes relacionadas