Máis de 30 aloxamentos da zona sur de Lugo teñen o Bono turístico da Xunta, que poderá gastarse ata finais de ano

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, explica que as tarxetas reactiváronse o 15 de setembro, co fin de mellorar as cifras de ocupación fóra da tempada alta

Destaca que a campaña do ano pasado inxectou uns 290.000 euros aos negocios adheridos nesta área da provincia

Sober (Lugo), 28 de setembro de 2022

Un total de 34 establecementos da Zona Sur de Lugo están adheridos ao Bono Turístico #QuedamosenGalicia22 da Xunta, que volve estar activo desde 15 de setembro e poderá desfrutarse ata o 31 de decembro.

Así o explicou hoxe o delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, durante a visita ao hotel Áurea Palacio de Sober, un dos que se sumaron á campaña nesta parte da provincia, onde tamén hai diferentes aloxamentos dispoñibles en Pantón, Monforte de Lemos, Chantada, A Pobra do Brollón, Quiroga, O Saviñao, Folgoso do Courel e Taboada.

Arias lembrou que o bono permaneceu desactivado na época de maior demanda turística -entre o 1 de xullo e mediados de setembro – “porque precisamente un dos obxectivos desta campaña é mellorar as cifras de ocupación fóra da tempada alta”.

Sinalou que os negocios da Zona Sur participantes en 2021 recibiron unha inxección duns 290.000 euros a través desta iniciativa turística, que “volve a ter unha acollida excelente entre a cidadanía na nova edición”.

Tamén salientou que varios concellos desta zona figuran entre os primeiros da provincia de Lugo que rexistraron máis gasto o ano pasado con cargo aos bonos. Así, Pantón foi o terceiro -os usuarios das tarxetas nos locais deste municipio abonaron 157.000 euros -; Monforte de Lemos o sétimo – cun gasto de 52.275 euros -; e Sober o oitavo -47.798 euros -.

Nove casas rurais da zona participan no Outono Gastronómico

O delegado referiuse ademais a outras iniciativas para fomentar o turismo que ten en marcha a Xunta nestes meses do ano, como o Outono Gastronómico en establecementos de turismo rural, activa desde o 16 de setembro ata o 18 de decembro.

Nove dos locais lucenses participantes están na Zona Sur da provincia, repartidos polos concellos de Taboada, O Courel, O Saviñao, A Pobra do Brollón, Pantón, Quiroga e Sober.

Os usuarios teñen a opción de elixir entre seis paquetes distintos, que poden limitarse a desfrutar dos menús a base de produtos galegos con certificación de calidade ou incluír estancias e mesmo actividades como roteiros, acceso a adegas e balnearios ou xogos de escape room.

Todas aquelas persoas interesadas en consultar os negocios adheridos ao Bono Turismo ou informarse sobre as opcións dispoñibles nos Outonos Gastronómicos poden facelo a través da páxina web de Turismo de Galicia, onde hai apartados específicos para cada unha destas iniciativas.

Imaxes relacionadas