O delegado territorial da Xunta en Pontevedra dalle os parabéns á residente de Campolongo Pura Matos por converterse en centenaria

Luis López, acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compartiu a celebración con esta muller, que vive no centro público para maiores da Xunta no barrio pontevedrés, e fíxolle entrega dun ramo de flores polo seu cen aniversario

Pontevedra, 28 de setembro de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá a Pura Matos, residente de Campolongo, e trasladoulle os parabéns por converterse en centenaria.

O representante autonómico, acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e polo director da residencia, Juan José López Peña, quixo compartir a efeméride con esta muller no centro público para maiores da Xunta no barrio pontevedrés e estivo a departir un rato con ela, ao tempo que louvou o seu magnífico estado de saúde.

Ademais, entregoulle un ramo de flores, do mesmo xeito que fixo o rexedor de Pontevedra, con motivo deste cen aniversario e ambos expresaron o seu desexo de compartir un momento similar o vindeiro ano.

Finalmente, a nova centenaria cumpriu coa tradición de soprar as velas dunha gran tarta entre os aplausos de todos os residentes deste centro da Xunta, que quixeron compartir esta celebración.

Imaxes relacionadas