A Xunta participa na presentación do espectáculo “Inventio” que comeza en Ferrol para continuar en outras cidades galegas, España e Portugal

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, valorou unha posta en escena dirixida a todas as idades que suma maxia, danza e circo para espallar a mensaxe dos valores do Camiño

A xira desta proposta multidisciplinar en gran formato comeza este mes nas cidades galegas para logo continuar por outros lugares de España e Portugal
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro destacou hoxe o apoio ao espectáculo “Inventio” pola súa aposta vangardista co camiño como eixe vertebrador da identidade cultural galega. A súa xita dá comezo este mes nas cidades galegas para logo continuar por outros lugares de España e Portugal

Na súa presentación esta mañá no teatro Jofre de Ferrol, a directora de Turismo de Galicia, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na cidade, Martina Aneiros, valorou unha posta en escena dirixida a todas as idades que suma maxia, danza e circo para espallar a mensaxe dos valores do Camiño

A proposta -un proxecto da promotora Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do Xacobeo e da Fundación la Caixa- consiste nun espectáculo versátil e misceláneo que suma tradición e vangarda e que se inspira, por unha banda, na cultura tradicional galega, e que por outra asume as máis audaces propostas do audiovisual e dos autores máis avanzados do panorama internacional.

Inventio levará ao escenario a un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo que forman parte dun equipo de 40 persoas baixo a dirección do ilusionista galego Martín Varela e do dramaturgo José L. Prieto. Representa unha historia futurista ambientada no ano 2094, o último Xacobeo do século, no que misteriosamente desaparece o Camiño e, con el, a identidade cultural galega. A misión dos protagonistas é recuperar esas raizames, para o que botarán man de todas as pegadas que deixou o Camiño na historia, nas lendas e na literatura a través dos séculos.

Imaxes relacionadas