Galicia participa na elaboración dun catálogo estatal de referencia de políticas e servizos en materia de violencia contra as mulleres

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe o pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero ante o que destacou a continuidade do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que solicitara Galicia


Para o Goberno galego a loita contra esta lacra é eixo prioritario das súas políticas á que destina este ano case 18 millóns de euros, un 22% máis que en 2021
 

A representante da Xunta puxo en valor ante o pleno a aposta pola inserción laboral das vítimas a través dos incentivos á contratación en concellos e entidades e cooperativas sen ánimo de lucro que beneficiaron a 400 mulleres desde 2019
 

Presentouse ao Observatorio o I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual 2022-2024 dotado con 7 M€ e encargouse a creación no seo deste órgano dun grupo de traballo para o seu seguimento

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe o pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, ante o que puxo en valor a continuidade do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que reclamara Galicia e que acadou o pasado xullo o acordo unánime (a excepción de Asturias) de todas as comunidades. O Goberno galego está a tomar parte, tal e como relatou, no grupo de traballo para a configuración dun catálogo estatal de referencia de políticas e servizos para atender ás vítimas desta lacra.

A elaboración do catálogo, que se someterá a permanente actualización, constitúe para a Xunta un avance e exemplo da cooperación entre o Ministerio de Igualdade, as comunidades autónomas e as entidades locais a través da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP).

Tal e como lembrou Lorenzana, consolidar un marco de colaboración permanente que garanta a prórroga e permanencia das medidas derivadas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, foi unha das máximas coas que a comunidade galega defendeu ante a Conferencia Sectorial de Igualdade a continuidade desta ferramenta. “O Pacto é un instrumento eficaz para coordinar as políticas para loitar contra esta lacra social, un eixo prioritario para a Administración autonómica galega que incrementou este ano o seu orzamento nun 22% ata os case 18 millóns de euros”.

Galicia, a través do Pacto de Estado, está a xestionar 40 millóns de euros repartidos en cinco anualidades (2018-2022). Para este ano conta con preto de 8 millóns de euros.

Inserción laboral das vítimas

Na xuntanza do Observatorio de hoxe, por outra banda, a Consellería informou dos programas de inserción laboral para vítimas da violencia de xénero que desde 2019 ofrecen incentivos á contratación destas mulleres por parte dos concellos; e desde 2021 tamén a través das entidades e cooperativas sen ánimo de lucro. Un total de 400 traballadoras afectadas por esta lacra acadaron un contrato neste tempo.

A Xunta, tal e como se trasladou ao pleno, considera fundamental o acceso ou reincorporación das vítimas ao mercado laboral como medida para avanzar na súa recuperación e independencia socioeconómica.

I Plan galego contra a trata

Tamén se presentou ao Observatorio hoxe o I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual que terá vixencia entre os anos 2022 e 2024. “Nace como un instrumento programático que aglutina as actuacións para loitar contra esta lacra social cun enfoque abolicionista da prostitución e de recoñecemento e defensa dos dereitos das vítimas”, manifestou a conselleira.

O documento foi resultado do traballo colaborativo das entidades que integran a Rede Galega contra a Trata, e incluirá medidas para a prevención, educación e sensibilización social; para o reforzo da detección, identificación e proteccións ás vítimas; ou para o fornecemento dos recursos de atención integral, entre outras.

O Observatorio participará na supervisión da execución deste plan, polo que se constituirá un grupo de traballo que terá por obxectivo, por unha banda, impulsar accións para a eliminación da publicidade relacionada coa prostitución e co comercio sexual en medios informativos e soportes publicitarios e, por outra, a elaboración de estatísticas sobre a magnitude da trata como lacra na comunidade.

Na xuntanza de hoxe elevouse tamén a criterio dos integrantes do Observatorio a elaboración dunha declaración institucional con motivo da próxima conmemoración, o 25 de novembro, do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller e a proposta dun minuto de silencio para esa data en memoria das vítimas.

 

Imaxes relacionadas