A Xunta subliña en San Cibrao das Viñas a aposta por un modelo económico baseado en novos procesos produtivos e nun consumo máis eficiente

O director do Igape, Fernando Guldrís, participa na xornada A economía do futuro é circular, onde pon en valor a Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030, que establece como principios básicos a redución, a reutilización e a reciclaxe, ademais das estratexias de deseño sostible

Lembra que o goberno galego activou este ano un programa específico para o desenvolvemento da economía circular na procura de promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos

Avoga por aproveitar as oportunidades que ofrece o Perte de Economía Circular, no que destaca “a natureza transversal dalgunha das súas liñas de actuación”

O encontro celébrase no marco do programa Capacita Directivos, unha iniciativa que permitiu, nas cinco primeiras edicións, realizar máis de 70 actividades formativas nas que participaron máis de 15.000 asistentes, en presencial e en liña
 

San Cibrao das Viñas (Ourense), 28 de setembro de 2022.-

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá na inauguración da xornada A economía do futuro é circular, levada a cabo no Parque Tecnolóxico de Galicia, onde salientou a importancia da economía circular de cara a promover un modelo económico que facilite novos procesos produtivos e un consumo máis eficiente.

 

“Avanzar cara a unha economía máis circular xa non debe ser só unha alternativa, senón que é o camiño a seguir para reducir a presión sobre a contorna, mellorar a seguridade e subministración de materias primas, aumentar a competitividade e a innovación das nosas empresas, e apostar polo crecemento dun emprego cada vez máis verde”, afondou Guldrís, nun encontro celebrado no marco do programa Capacita Directivos. 

 

Esta iniciativa, lembrou, inclúe a organización de encontros como o de hoxe que buscan concienciar e promover a colaboración entre empresas, emprendedores, administracións, clústeres e centros de coñecemento. O programa, xa consolidado, permitiu nas cinco primeiras edicións realizar máis de 70 actividades formativas nas que participaron máis de 15.000 asistentes, en presencial e en liña.

 

Neste marco, o director do Igape lembrou que Galicia ten en marcha a Estratexia Galega de Economía Circular 2019-2030, que establece como principios básicos para a transición cara a este modelo económico a redución, reutilización e reciclaxe e as estratexias de deseño sostible. “Redución, reutilización e reciclaxe son principios transversais que se deben aplicar ao longo de todo o ciclo de produción, consumo e xestión dos materiais ao final da súa vida útil”, incidiu.

 

Sobre esta base, Guldrís destacou que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do Igape, puxo en marcha este ano un programa específico para o desenvolvemento da economía circular na procura de promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.

 

Unha liña que, como expuxo, permitirá, entre outros, desenvolver proxectos centrados na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.

 

“Desde a Xunta queremos mirar ao futuro, e temos que facelo coa vista posta nos fondos Next Generation”, proseguiu o director do Igape, quen avogou por aproveitar as oportunidades que ofrece o Perte de Economía Circular, no que destaca “a natureza transversal dalgunha das súas liñas de actuación”.

Imaxes relacionadas