Trenor insta ao Concello da Coruña a axilizar os trámites pendentes para iniciar canto antes a construción do novo centro de saúde de Santa Lucía

O delegado da Xunta mantivo un encontro, esta mañá, cos representantes da Asociación de Veciños e Comerciantes da Falperra que reclaman a convocatoria do concurso de ideas de forma urxente
 

Trenor lembrou que desde o pasado mes de xuño, que tivo lugar o último encontro entre os técnicos da Xunta e do Concello para perfilar os detalles dos pregos, non houbo ningún avance

A Coruña, 28 de setembro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá un encontro de traballo cos representantes da Asociación de Veciños e Comerciantes da Falperra para reclamar ao Concello da Coruña que axilice os trámites pendentes para iniciar canto antes a construción do centro de saúde de Santa Lucía. O representante do Goberno galego lembrou que a Xunta conta, nos orzamentos deste ano, cun millón de euros para esta actuación e que pola parte da Xunta axilizouse ao máximo todos os trámites para que a obra se iniciase o antes posible. Sen embargo, por parte do Concello non se produciu ningún avance desde o pasado mes de xuño, que tivo lugar a última reunión entre os técnicos do Concello e da Xunta.

 

Trenor lembrou que primeira reunión tivo lugar 1 de decembro de 2021, na que se recibiiron os primeiros pliegos técnicos. Logo en abril decidiron convertilos nun concurso que xa recibiu o visto e prace da Xunta a primeira semana de xuño. Agora pasaron máis de 5 meses e por parte do Concello non hai novas de avances. Por iso, o delegado da Xunta reclamou coñecer se hai alteracións respecto as previsións iniciais de prazos por parte do Concello e solicitou información sobre a previsión da data de publicación da convocatoria do concurso de ideas que, tal e como figura no prego técnico, conta a súa vez con varios prazos de tramitación ata a súa resolución.

 

“Estamos ante un proceso longo que non pode demorarse máis”, incidiu Trenor, “por iso non podemos alargar por máis tempo o seu inicio”. Ademais, lembrou que o Goberno galego tamén precisa de certo marxe facer as previsións axeitadas para levar a cabo a reorganización dos procesos asistenciais e o traslado do persoal e para facer as previsións económicas. Por iso, insistiu na “necesidade de que o Goberno local da Coruña se tome este asunto en serio para que o centro de saúde de Santa Lucía sexa pronto unha realidade”.

 

Pola súa banda, os representantes veciñais reclamaron ao Concello a urxente convocatoria do concurso do ideas porque é un proxecto moi necesario para este barrio polo que non se entende que o Goberno local tarde meses en pechar uns trámites administrativos que xa deberían estar rematados. Os veciños instaron ao Concello a convocar, canto antes, o concurso de ideas porque ata iniciar a súa construción aínda terá que pasar moito tempo e poñer en marcha este novo centro de saúde é unha demanda histórica dun barrio que precisa con urxencia esta infraestrutura.

Imaxes relacionadas