A xunta implantará, en todas as áreas sanitarias, un protocolo de actuación para incidentes de múltiples vítimas

O titular da carteira sanitaria galega, Julio García Comesaña, inauguro a XIV Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia dedicada á xestión de incidentes de múltiples vítimas organizada por Urxencias Sanitarias de Galicia-061

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022.- O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, inaugurou esta tarde, na Consellería de Sanidade, a XIV Xornada sobre a Urxencia e a Emerxencia dedicada á xestión dos incidentes de múltiples vítimas. Durante a súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego anunciou a implantación dun protocolo de actuación para incidentes de múltiples vítimas, en todas as áreas sanitarias, ao tempo que subliñou a importancia de que, neste tipo de sucesos, todos os servizos sanitarios implicados actúen dun xeito uniforme e previamente consensuado.

No acto, no que estivo acompañado pola directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Adriana Regueira Pan; do presidente da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias-Galicia, José Manuel Fandiño Orgeira; e do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva Álvarez, o titular da carteira sanitaria lembrou que, nos últimos anos, producíronse en Galicia varios incidentes de múltiples vítimas, que proporcionaron a oportunidade de aprender e evolucionar na atención ás mesmas, e que fan desta Comunidade Autónoma un exemplo a nivel mundial en canto á estrutura, organización, coordinación e xestión integradora neste tipo de situacións, que debe ser compartido con todos os profesionais da emerxencia.

 

Comesaña destacou o esforzo realizado pola Consellería de Sanidade no que respecta á integración de todos os niveis asistenciais para que, dende que se produce o suceso ata que se lle dá a alta ao último paciente, o proceso sexa áxil e eficaz, pasando polo sistema de emerxencias sanitarias, a atención primaria, as urxencias e os diferentes servizos de atención hospitalaria.

 

Pola súa banda, a directora da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 subliñou a importancia da formación continua e de todos os servizos intervenientes na xestión deste tipo de intervencións sanitarias, que desde a creación do servizo público galego de urxencias e emerxencias sanitarias tivo un papel destacado entre os seus profesionais.

 
 
Importancia da triaxe e da planificación

A xornada estivo estruturada en torno a dúas mesas redondas nas que se tratou sobre os sistemas de triaxe e a evolución na planificación e xestión de incidentes de múltiples vítimas na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

 

O Dr. Rafael Castro Delgado fixo un percorrido sobre a evolución do sistema de triaxe META, desde o seu nacemento ata a súa implantación en diferentes servizos de emerxencias, así como sobre as áreas de mellora e as posibilidades da súa utilización no futuro.

O Dr. Pedro Ignacio Arcos baseou a súa intervención na importancia de investigar nos servizos de emerxencias e en especial de analizar os incidentes de múltiples vítimas, as súas causas e a atención sanitaria para o recoñecemento de áreas de mellora. Este tipo de incidentes, polos seus diferentes mecanismos de produción, e a súa limitada casuística, son moi interesantes para recomendar mecanismos de prevención e atención inmediata, así como dar a coñecer os mecanismos de coordinación e xestión a outros servizos para estar preparados ante situacións similares.

O enfermeiro Vicente Belo Belo comentou o sistema de triaxe implantado na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e a súa implicación en toda a cadea asistencial, con especial relevancia para os hospitais e a atención primaria, participantes esenciais na atención a este tipo de incidentes.

 

Plan de emerxencias do 061

Pola súa banda, o Dr. Manuel María Pereira Carneiro expuxo as características do plan de emerxencias sanitarias do 061, as súas principais fortalezas, a importancia de ser un dos plans exclusivamente sanitarios ante catástrofes de España, e a súa integración dentro do plan territorial de Protección Civil (platerga) para unha actuación coordinada de todos os intervenientes, tanto sanitarios como non sanitarios.

 

As doutoras Patricia Sánchez Lloria e Montserrat Fernández Val presentaron as diferentes instrucións técnicas elaboradas polo 061 para todos os intervenientes sanitarios ante unha catástrofe, as súas responsabilidades, roles e actuacións totalmente protocolizadas para que todos saiban cal é o seu papel e conseguir así unha xestión harmonizada do incidente, cun rexistro de pacientes e do material.

 

Por último, a Dra. Amparo González Blanco presentou a experiencia do servizo público de emerxencias sanitarias galego no manexo de situacións de incidentes de múltiples vítimas, así como a posibilidade de detectar áreas de mellora.