A Xunta celebra un novo curso en liña para formar máis de 350 persoas na prevención dos ‘teitos de cristal’

? A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu hoxe o webinario: ‘A promoción profesional con perspectiva de xénero’

? Avogou por seguir a traballar nas corresponsabilidade para que “prenda” na sociedade

? Galicia é a única comunidade que mantén unha oferta aberta de formación en igualdade laboral da que se beneficiaron o ano pasado 3.000 persoas
 

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022.- A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, inaugurou hoxe un novo webinario sobre igualdade laboral que, nesta ocasión, tivo por título: A promoción profesional con perspectiva de xénero. A actividade, na que participaron máis de 350 persoas, forma parte da oferta formativa da Xunta na materia que acadará este ano as 5.000 prazas.

Tal e como destacou Mancha, o teito de cristal “é un dos grandes obstáculos das mulleres no campo laboral” que ten por consecuencia a discriminación salarial. Ao non acceder a postos de responsabilidade e ocuparse máis dos coidados, a través das excedencias ou reducións de xornada, prodúcense paróns nas carreiras femininas.

“O obxectivo deste taller é analizar a promoción desde unha perspectiva laboral e profesional, e poñer de manifesto as obrigacións legais que recaen nas empresas”, destacou a responsable de Relacións Laborais quen tamén defendeu que resulta fundamental que a idea da corresponsabilidade “prenda” en toda a sociedade.

Mancha lembrou que “mentres que o 83% das excedencias se empreguen por mulleres, moitas das súas carreiras vanse paralizar”. Destacou o papel das administracións, e da Xunta en particular, para “sensibilizar” e poñer de manifesto que o talento feminino non se pode desbotar.

O curso de hoxe estivo artellado en 4 horas. A profesora de Dereito do Traballo e Seguridade Social da Universidade de Zaragoza, Ruth Vallejo, e a secretaria de igualdade de UXT Galicia, Trinidad Campos, afondaron na aplicación do principio de igualdade e oportunidades na promoción profesional e, en especial, no acceso das mulleres a postos de responsabilidade.  

Galicia está a impartir formación accesible, flexible e actualizada en materia de igualdade laboral. En 2021 a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade puxo en marcha o primeiro  Campus Virtual para formar, informar e sensibilizar a profesionais e cidadanía en xeral na igualdade laboral efectiva entre homes e mulleres.

A través desta plataforma ponse a dispor da cidadanía, de maneira gratuíta, accións formativas enmarcadas en ámbitos como a conciliación e a corresponsabilidade, o teletraballo, a fenda salarial e o rexistro retributivo, o teito de cristal ou o acoso laboral.

Galicia sitúase como primeira e única comunidade autónoma en impartir formación específica en igualdade laboral en modalidade virtual da que soamente en 2021 se beneficiaron unhas 3.000 persoas.