O presidente da Xunta interveu na apertura en Santiago da exposición 'Foi un home: Laxeiro en América (Buenos Aires. 1950-1970)'

Rueda anima a visitar a exposición sobre Laxeiro no Gaiás para coñecer máis de preto un dos pintores galegos máis importantes do século pasado

O titular do Goberno galego salienta que Galicia “inspirou ao Laxeiro máis universal” e destaca a combinación constante na súa obra “entre renovación e paixón pola cultura popular galega”
 

A mostra, que poderá verse ata o vindeiro mes de decembro, recolle 40 obras do pintor durante a súa estancia na Arxentina, onde coincidiu con outros artistas galegos como Maruja Mallo ou Luis Seoane
 

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na apertura da exposición Foi un home: Laxeiro en América (Buenos Aires. 1950-1970) que amosa, a través de 40 obras, a etapa artística do pintor lalinense durante a súa estancia na Arxentina e que poderá visitarse ata decembro na Cidade da Cultura de Galicia. Rueda animou a cidadanía a achegarse ata esta mostra para coñecer máis de preto a José Otero Abeledo, Laxeiro, ao que definiu como “o pintor galego máis importante do século pasado”.

A exposición recolle a etapa de madurez do artista en Bos Aires, onde estivo en contacto con outros pintores galegos do talle de Luis Seoane e Maruja Mallo así como con diferentes intelectuais que aspiraban a renovar en profundidade a cultura galega. A mostra, que conta con obras cedidas polo Museo Municipal de Lalín, o Museo de Pontevedra e Afundación, exhibírase xa na vila natal de Laxeiro (Lalín) e na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid). Tras a súa estancia en Santiago, a mostra poderá visitarse no Instituto Cervantes de París, “unha proba máis da relevancia internacional” de Laxeiro, segundo resaltou Rueda.

O presidente do Goberno galego salientou a importancia de Galicia na obra de Laxeiro. “Galicia inspirou ao Laxeiro máis universal e, en contrapartida, o pintor levou a nosa identidade polo mundo”, indicou Rueda, quen destacou que as creacións do artista de Lalín son “unha combinación constante entre renovación e paixón pola cultura popular galega”.

Imaxes relacionadas