A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asinou hoxe a acta de replanteo para o comezo das obras

Ethel Vázquez celebra o inicio efectivo das obras da nova estación de autobuses intermodal da Coruña, un gran centro de transporte público con case 40 M€ de investimento

Vázquez Mourelle explica que este complexo inclúe a nova estación de autobuses, a remodelación da terminal ferroviaria, que debe prepararse para recibir o AVE, un aparcadoiro e os accesos axeitados, sumando un total de 120 M€

Subliña que a Xunta pon a primeira peza coa execución da estación de autobuses, que se desenvolverá de forma paralela á avenida da Sardiñeira e ás vías do tren

A estación de autobuses contará con 20 dársenas de operación e 23 de regulación no aparcadoiro, terá un total de 26.630 m², cun edificio de viaxeiros de 2.500 m²

A terminal dará servizo a máis de 2.750.000 viaxeiros cada ano a través das máis de 500 expedicións diarias que supoñen unha aposta polo transporte público

A execución da intermodal, que se construirá sobre un aparcadoiro de 325 prazas, levará aparellados preto de 700 postos de traballo

A Coruña, 27 de setembro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, celebrou hoxe o inicio efectivo das obras da nova estación de autobuses intermodal da Coruña, un gran centro de transporte público con case 40 millóns de euros de investimento.

 

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asinou hoxe a acta de replanteo e a partir de mañá comezará a chegar a maquinaria.

 

Salientou que se comeza a materializar así a construción dun gran centro de transporte público e dunha importante intervención de integración e de ordenación urbana.

 

Este complexo intermodal conleva a construción dunha nova estación de autobuses, a remodelación da terminal ferroviaria, que debe prepararse para recibir o AVE, un aparcadoiro e os accesos axeitados.

 

O proxecto suma un investimento total de máis de 120 M€ no que cada Administración -a Xunta, o Concello e Adif- se reparten responsabilidades.

 

Ethel Vázquez detallou que a Xunta pon a primeira peza coa execución da nova estación de autobuses, que se desenvolverá de forma paralela á avenida da Sardiñeira e ás vías do tren e que contará con dous niveis.

 

No nivel superior emprazaranse, á mesma cota, o edificio de viaxeiros e as dársenas dos autobuses, e tamén a pasarela peonil de comunicación coa avenida do ferrocarril.

 

No nivel inferior, a cota variable, estará o aparcadoiro para turismos, a zona de comunicación peonil coa estación ferroviaria e as dársenas de regulación de autobuses.

 

A nova estación de autobuses contará con 20 dársenas de operación e con outras 23 de regulación no aparcadoiro, terá un total de 26.630 m², cun edificio de viaxeiros de 2.500 m².

 

Vázquez Mourelle sinalou que se trata de dar o mellor servizo a máis de 2.750.000 viaxeiros cada ano a través das máis de 500 expedicións diarias que compoñen a aposta indiscutible polo transporte público.

 

Ademais, esta intermodal construirase sobre un aparcadoiro de 325 prazas ao servizo dos viaxeiros e dos veciños da cidade.

 

O aparcadoiro será executado como parte dun acordo de colaboración co Concello de Adif que inclúe, tamén, os espazos comúns coas estacións de buses e de tren ata completar ese investimento de case 40 M€ que levará aparellados preto de 700 postos de traballo.

 

A conselleira subliñou o esforzo realizado polos técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, co que foi posible adxudicar e asinar o contrato das obras en menos de 4 meses, o pasado 26 de xullo, e comezar hoxe a execución.

 

Indicou que esta axilización de prazos é froito do carácter absolutamente prioritario que o Goberno galego concede ao proxecto da estación intermodal da Coruña e permite iniciar as obras antes do previsto, tal e como se comprometeu, antes de rematar setembro.

Imaxes relacionadas