A Xunta adxudica máis de 21.000 m2 de solo no parque das Gándaras, con bonificacións por importe de 1 M€

A empresa pública Xestur adxudicou esta mañá 7 parcelas en réxime de compravenda por un prezo de preto de 1,3 millóns de euros, unha vez aplicada xa a bonificación

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia adxudicou esta mañá 7 parcelas de solo empresarial no polígono industrial das Gándaras, en Lugo, cunha superficie total de 21.218 metros cadrados.

 

As parcelas foron adxudicadas esta mañá en réxime de compravenda no marco da reunión da Comisión Executiva da empresa pública Xestur. O importe total das adxudicacións no parque lucense ascende a 1.281.070 euros, unha vez aplicada xa sobre o prezo de venda unha bonificación de 1.062.830 euros.

 

As empresas adxudicatarias destas parcelas corresponden ao sector da xestión de residuos, de instalación de climatización e frío industrial, carburantes, sistemas de enerxías renovables, carpintería e construción.

 

Estas novas adxudicacións nas Gándaras enmárcanse no segundo concurso de solo empresarial convocado por Xestur o pasado mes de xuño, no que se incluíron unicamente as áreas industriais nas que se rexistrara concorrencia de ofertas sobre as mesmas parcelas e, polo tanto, houbo empresas demandantes ás que non se lle puido adxudicar solo no marco do primeiro proceso.