A Xunta avanza na mellora da vía LU-617 entre Monforte e Escairón, na que xa está a estender a nova capa de rodaxe

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a actuación está incluída nun contrato de 1,5 millóns de euros para acondicionar tres estradas autonómicas da Zona Sur

Monforte de Lemos (Lugo), 27 de setembrode 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha das obras de mellora da estrada autonómica LU-617 entre Monforte de Lemos e Escairón (O Saviñao), que xa se atopan na fase de extensión da nova capa de rodaxe.


As obras céntranse no acondicionamento de 11,5 quilómetros desde a glorieta na que conecta a vía de altas prestacións CG-2.2, no punto quilométrico 1,5, ata a intersección coa estrada LU-615 en Escairón, no punto 13.


Arias confirmou que os traballos avanzan a bo ritmo, polo que estimou que poderán finalizar no mes de outubro sempre e cando as circunstancias climatolóxicas sexan favorables.


O proxecto contempla a realización de fresados localizados e reposición do pavimento a carril completo nas zonas deterioradas. Tamén se inclúe un reforzo do firme cunha nova capa de rodadura con mistura bituminosa en quente na totalidade do treito.


O delegado explicou que a actuación forma parte dun contrato para acondicionar o pavimento nas estradas LU-617, LU-611 e LU-603 ao seu paso polos concellos de Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Bóveda.


A intervención completarase cunha serie de actuacións para mellorar a seguridade e as prestacións das tres vías autonómicas, como a instalación de sinalización horizontal, tacos de resalto, captafaros, barreira de seguridade ou cunetas.


A Xunta inviste 1,5 millóns de euros nestas obras, que suporán a mellora do firme nun total de 17 quilómetros das tres estradas. Os traballos comezaron no mes de xullo e contan cun prazo de execución estimado de seis meses.


Imaxes relacionadas