Martina Aneiros pon en valor o traballo da Xunta a prol da igualdade entre mulleres e homes na xornada ‘Xuntos contra a Violencia de Xénero”

Ferrol, 26 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, inaugurou esta tarde na xornada “Xuntos contra a Violencia de Xénero” que organiza a Conferencia Galega de Asociacións Veciñais ‘Rosalía de Castro’ (Cogave), no marco dun programa de concienciación en igualdade, prevención e loita contra a violencia de xénero que conta co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

 

Na súa intervención, a delegada territorial fixo fincapé en que “a igualdade é un obxectivo transversal” e que implica a todos os membros da sociedade. “Cómpre estar unidos ante os problemas e remar unidos tras as solucións”, asegurou e puxo en valor o compromiso e o traballo da Xunta a prol da consecución dunha igualdade real con ferramentas como os plans estratéxicos de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, ou a nova Lei da Igualdade que situará a Galicia como referente na loita contra a discriminación múltiple, introducirá a idea do benestar laboral e incorporará un Estatuto da Muller Rural e do Mar para brindar a estes dous colectivos a mellor atención e resposta ás súas necesidades.

Imaxes relacionadas