A Xunta impulsará a creación de empresas de inserción co novo decreto que axilizará o acceso ao traballo das persoas en risco de exclusión social

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe en Santiago de Compostela na clausura da xornada Actualidade e retos de futuro organizada pola Asociación de Empresas de Inserción Laboral (Aeiga)
 

Destacou que a Xunta está a protexer xuridicamente a economía social e recordou que o Goberno galego traballa na actualidade no deseño da segunda Estratexia Galega de Economía Social
 

Puxo en valor os diferentes programas autonómicos dirixidos a fomentar esta fórmula de negocio, lembrando que ata o próximo 30 de setembro poden solicitarse, entre outros, os apoios ás empresas de inserción dotadas cun millón de euros

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe en Santiago de Compostela que a Xunta impulsará a creación de empresas de inserción co novo Decreto que regulará o procedemento para a cualificación deste tipo de empresas e o seu rexistro administrativo. Na clausura da xornada Actualidade e retos de futuro, organizada pola Asociación de Empresas de Inserción Laboral (Aeiga), con motivo do 15 aniversario da Lei 44/2007, do 13 de decembro, de regulamento do réxime de empresas de inserción, Lorenzana avogou por este tipo de compañías e polo modelo que as engloba, a economía social, por ser unha fórmula “por e para as persoas e o territorio”.

 

Sobre o proxecto de Decreto, que se vén de aprobar no Consello da Xunta, sinalou que este novo marco permitirá axilizar o acceso ao traballo das persoas en situación ou risco de exclusión social, que, a través destas firmas, inician a súa transición cara á incorporación no mercado laboral ordinario. “A normativa reforzará o impulso da transición entre a formación de persoas desempregadas ou en risco de exclusión social cara o emprego ordinario”, apuntou, ao tempo que afirmou que con esta iniciativa a Xunta busca fomentar este modelo empresarial que actualmente conta en Galicia con 13 empresas nas que traballan preto de 140 persoas.

 

En materia xurídica, a conselleira tamén referiuse á Lei galega sobre a economía social, que adapta o regulamento estatal ás particularidades da economía e territorio galego. “Foimos a primeira Comunidade en adaptar a Lei española da economía social de 2011 á normativa autonómica en 2016”, indicou.

 

“Galicia está a protexer xuridicamente a economía social”, resaltou a conselleira, ao tempo que recordou que o departamento autonómico está a deseñar a segunda Estratexia Galega de Economía Social para seguir impulsando este modelo económico. Coa primeira edición, dotada con 89 millóns de euros, creáronse 450 entidades (150 máis das estimadas nos obxectivos estratéxicos), xerando 3.715 novos postos de traballo (715 máis que os estimados).

 

Axudas á economía social

Lorenzana, así mesmo, referiuse na súa intervención á Rede Eusumo, unha iniciativa que cumpre unha década, acompañando, formando e asesorando a todas aquelas entidades que aposten por esta fórmula de negocio baseada nas persoas. Puxo en valor, ademais, os programas de axudas económicas destinadas a promover a economía social, un eido ao que se destinan este ano 35 millóns de euros, un 6,1% máis que en 2021. Entre os apoios, lembrou que os dirixidos ás empresas de inserción laboral, dotados cun millón de euros, poden aínda solicitarse ata o próximo 30 de setembro.

 

As axudas do Aprol Economía Social (con 3,8 millóns para fomentar a incorporación de persoas desempregadas e traballadores en activo a cooperativas) e dos bonos Consolida (con 1,5 millóns para apoiar a transformación dixital e mellora enerxética) e Es-Transforma (con 1,5 millóns para impulsar a recuperación de negocios en crise ou sen relevo xeracional) tamén poden pedirse ata o 30 de setembro.

 

Para rematar, a titular de Promoción do Emprego e Igualdade incidiu no labor da Xunta para aportar seguridade xurídica, continuidade e competitividade á economía social, un ámbito ao que definiu como “clave” no mercado laboral galego, que aglutina máis de 7.000 entidades e empresas galegas de economía social e que representa o 7% do PIB galego cun impacto anual duns 850 millóns de euros. “Temos que seguir combinando emprego e actividade económica cun desenvolvemento sostible, responsable, solidario, transformador e cohesionado”, concluíu.

Imaxes relacionadas