A Xunta destaca o papel dos farmacéuticos como punto de referencia da cidadanía

Os profesionais de Farmacia, que en Galicia superan os 5.500 colexiados, celebran mañá o Día Mundial do Farmacéutico baixo o lema “A Farmacia, unida por un mundo máis saudable”
 

A Xunta aposta por continuar a colaborar cos catro Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, tanto na adopción de medidas, como no desenvolvemento regulamentario
 

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2022

  A Xunta de Galicia quere poñer en valor o importante papel dos farmacéuticos e das oficinas de farmacia como punto de referencia da cidadanía, non só en relación coa atención farmacéutica que prestan, senón tamén co asesoramento, o consello e o apoio da atención que demandan os colectivos vulnerables, como pode ser o caso das persoas maiores ou dos pacientes crónicos.

Os farmacéuticos celebran mañá, 25 de setembro, o seu Día Mundial baixo o lema “A Farmacia, unida por un mundo máis saudable”. A efeméride promove e apoia o papel que do persoal farmacéutico na prevención de enfermidades, a promoción da saúde e o seguimento de tratamentos a nivel mundial.

A Xunta de Galicia destaca o traballo que desempeñaron os seus profesionais durante a pandemia provocada pola covid-19. Así, a colaboración do persoal farmacéutico, tanto de xeito directo como a través dos distintos colexios profesionais, foi de grande valor na prevención e educación para a saúde, tendo ademais un gran protagonismo na realización de cribados poboacionais e na detección de casos.

O labor do persoal farmacéutico, como experto do medicamento, vai máis ala da oficina de farmacia, co fin de aproximar de maneira plena o experto en farmacoterapia ao paciente. Así, actualmente o persoal de farmacia atópase incorporado nas institucións sanitarias facendo unha labor asistencial esencial, como é o caso da farmacia hospitalaria (farmacéutico especialista de hospital); ou ben dentro da estruturas de atención primaria, por medio dos farmacéuticos deste nivel asistencial, para garantir a continuidade asistencial e os resultados en saúde dos pacientes.

Este traballo, está a contribuír a alixeirar a carga de traballo dos profesionais médicos e, xa que logo, contribúe dun xeito significativo a optimizar e axilizar o funcionamento dos centros sanitarios galegos.

Colaboración e desenvolvemento normativo

A Xunta salienta a importancia que posúe continuar a colaborar cos catro Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia, tanto na adopción de medidas, como no desenvolvemento regulamentario. Así, aposta por formalizar todos os convenios e acordos de colaboración que sexan necesarios, para garantir á cidadanía un servizo farmacéutico de calidade.

No eido normativo, destaca o desenvolvemento regulamentario para a dispensación dos Sistemas Personalizados de Dosificación en Oficinas de Farmacia, o que foi unha das demandas máis reiteradas polo sector farmacéutico e mesmo polos pacientes.

Así mesmo, na actualidade estase a tramitar o proxecto de decreto de horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia; mediante o que se regulara estes ámbitos nas oficinas de farmacia establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia. Este regulamento, elaborado co consenso dos catro colexios profesionais de farmacéuticos, ten como finalidade garantir á poboación unha excelente cobertura da rede de atención farmacéutica en todo o territorio galego.

Xunto co anterior, o departamento sanitario da Xunta tamén traballa en dar cumprimento ao artigo 7.2 da Lei de Ordenación farmacéutica de Galicia, que aborda os supostos especiais de entrega de medicamentos e produtos sanitarios a través dos servizos de farmacia hospitalarios, en aras de favorecer a continuidade asistencial e evitar o desprazamentos innecesarios dos paciente aos hospitais.

Outro aspecto a remarcar en relación co papel sostible dos farmacéuticos e das oficinas de farmacia, e tamén vencellado ao lema deste día mundial “A Farmacia, unida por un mundo máis saudable”, está no compromiso social e medioambiental no tratamento dos envases e dos restos de medicamentos a través dos puntos SIGRE. Estes puntos, que cumpren xa 20 anos, ofrecen á cidadanía un sistema cómodo e seguro para desprenderse dos medicamentos caducados ou que xa non necesitan, garantindo o seu correcto tratamento medioambiental, todo grazas ás oficinas de farmacia.

Imaxes relacionadas