A AGASP colabora no XXIV Campionato de España BTT de Policías Locais que reúne a máis de 200 axentes na Coruña

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración dunha competición que se disputará mañá

A Coruña, 23 de setembro de 2022 O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou esta tarde na explanada do Parrote na inauguración institucional do XXIV Campionato de BTT de Policías Locais, que reunirá a case 200 participantes de toda España.

Os axentes competirán mañá nun circuíto de 36 quilómetros e os gañadores recibirán os trofeos ofrecidos pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), que tamén colabora no evento no que se refire á sinalización e o balizamento do circuíto.

A AGASP é un dos órganos máis representativos das Policías Locais de Galicia e, en xeral, un centro de referencia canto á formación das forzas e corpos de seguridade que traballan en Galicia e dos servizos de emerxencias da comunidade. Así, xa leva formando a 14 promocións de Policía Local, entre cuxo alumnado se inclúen os que superaron os procesos de selección unificados para cubrir prazas de axentes de Policía Local e auxiliares nos concellos adheridos de forma voluntaria ao convenio coa Xunta. Ademais, a Academia ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.