O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou hoxe as instalacións

A Xunta impulsa a creación dunha nova casa niño no concello de Verea

Permitirá a posta a disposición de cinco prazas de atención á infancia neste municipio no que non existía ningún recurso deste tipo
 

O Goberno galego financiará este ano a posta en marcha dun total de seis novas casas niño que elevarán o número de centros ata os 95
 

Lembra a importancia destas instalacións para contar cun rural con servizos e vivo no que exista igualdade de oportunidades con respecto ás cidades

Verea (Ourense), 23 de setembro de 2022

A Xunta impulsou este ano a creación dunha nova casa niño no concello de Verea que permitirá a creación de cinco prazas de atención á infancia neste municipio onde non existía este tipo de recursos de conciliación. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá o novo centro que se suma á rede de casas niño de Galicia.

 

Este mesmo ano abrirase unha segunda casa niño na provincia de Ourense situada no concello de Pontedeva. En total, o Goberno galego financiará este ano a creación seis novos centros que permitirán acadar un total de 95 instalacións por toda a Comunidade e poñer a disposición un total de 475 prazas de atención. O resto de casas niño estarán situadas en Monfero, O Incio, Portomarín e Láncara.

 

O director xeral lembrou que desde a súa creación no ano 2016, as casas niño lograron converterse nun importante recurso de conciliación en concellos cunha baixa poboación, onde non hai escolas infantís. Trátase dun servizo 100% gratuíto para as familias que permite seguir apostando por un rural con servizos e vivo no que exista igualdade de oportunidades con respecto ás cidades.

Imaxes relacionadas