A Xunta pecha a campaña xuvenil de verán máis grande da súa historia co campo de voluntariado ambiental do Grove

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou as actividades desta iniciativa, que conta coa participación de dez mozos de Galicia, Madrid, Aragón e Andalucía e se desenvolve entre cala Raeiros e praia Area da Cruz


O campo A Terra que Habita no Mar centra as súas accións na extracción de especies vexetais invasoras, a reparación de miradoiros de aves e valados, o deseño e instalación de carteis informativos e un documental de sensibilización
 

A provincia de Pontevedra contou cunha ducia de campos de voluntariado con ata 225 prazas no marco da campaña O Verán Que Queres Contar de Xuventude, que roldou a cifra récord de 11.000 participantes


“Galicia bateu o récord de peregrinos neste Xacobeo, mobilizou a decenas de milleiros de persoas cos numerosos eventos programados e tamén deseñou un verán histórico para a mocidade, que merecía aproveitalo tras dous anos moi duros pola pandemia”, significou o representante autonómico
 

O Grove, 22 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, está a pechar a campaña xuvenil de verán máis grande da súa historia co campo de voluntariado ambiental A Terra que Habita no Mar, no Concello do Grove, que se desenvolve dende hai uns días e rematará o vindeiro luns.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá as actividades desta iniciativa, que conta coa participación de dez mozos de entre 18 e 30 anos procedentes de Galicia, Madrid, Aragón e Andalucía e se desenvolve entre cala Raeiros e a praia Area da Cruz, na localidade de San Vicente do Mar, así como noutros puntos da península grovense.

 

Este campo de voluntariado ambiental, que se celebra en colaboración coa Asociación Sociocultural Balea, está a centrar as súas accións en cuestións de recuperación ambiental e de posta en valor de recursos naturais e turísticos coa recollida e extracción de especies vexetais invasoras, a reparación de miradoiros de aves e valados, o deseño e instalación de carteis informativos para que veciños e visitantes preserven a contorna e a elaboración dun pequeno documental do proxecto para contribuír á sensibilización.

 

Con esta iniciativa, poñerase fin a tres intensos meses da campaña de verán da Dirección Xeral de Xuventude, Voluntariado e Participación, que incluiu unha ducia de campos de voluntariado por toda a provincia de Pontevedra coa participación de 225 persoas, xa que a iniciativa das Illas Cíes dividiuse en catro quendas. Así, houbo campos por todo o territorio, como na comarca do Salnés (O Grove, Sanxenxo e Vilanova), o interior da provincia (Lalín, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro) ou Vigo e a súa contorna (Vigo, Oia, O Porriño, Redondela, Mos e Soutomaior). En total, e incluíndo as iniciativas ofertadas para todas as idades, O Verán Que Queres Contar roldou a cifra récord de 11.000 participantes.

 

“Galicia vén de bater o seu récord de peregrinos neste Xacobeo ao que aínda lle restan cen días, acolleu a decenas de milleiros de persoas cos numerosos eventos, concertos e espectáculos programados converténdonos nunha referencia en Europa, e tamén deseñamos un verán histórico para a mocidade, que merecía aproveitalo ao máximo tras dous anos moi duros por mor da pandemia nos que os máis novos se comportaron cunha responsabilidade digna de eloxio”, significou o representante autonómico.

 

“Ademais, tamén hai que destacar que todas estas actividades da campaña de verán non só xogan un papel fundamental en materia de conciliación para as familias e de lecer para os cativos, senón que serven para formalos e educalos como persoas e tamén, no caso do voluntariado, para contribuír a un ben social, como se pode apreciar neste coidado dunha zona tan valiosa dende o punto de vista ambiental e natural como a península do Grove”, concluíu o delegado territorial.

Imaxes relacionadas