A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe o remate da reforma da AC-566, en case 4 km da vía, desde a saída do núcleo urbano de Valdoviño ata A Ramalleira

Ethel Vázquez salienta que as obras de mellora da seguridade viaria da estrada Valdoviño-Cedeira permitiron acurtar nun 30% o tempo de percorrido grazas a un investimento da Xunta de 4,7 M€

Vázquez Mourelle subliña que a actuación, demandada polos veciños e visitantes ao ser esta unha estrada pola que circulan de media 5.000 vehículos ao día, supón unha mellora “moi significativa” para as comunicacións do norte da comarca de Ferrolterra


Explica que a intervención incluíu o ensanche da estrada, a rectificación de curvas, a habilitación de novos carrís de adiantamento, a reforma de interseccións e o reforzo do firme


Fai fincapé no cumprimento da Xunta coa folla de ruta comprometida para a mellora da rede viaria das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, estando xa rematado o acondicionamento da estrada do Porto de Bares, en Mañón, e da AC-110 nas Somozas


Adianta a culminación neste outono da 1ª fase da mellora da capacidade da AC-862 en San Sadurniño, cun investimento de 7,2 M€; e a próxima licitación da 2ª fase entre o Campo do Hospital e Ponte Mera, en Ortigueira, cun orzamento de 7,5 M€
 

Valdoviño (A Coruña), 21 de setembro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou hoxe que as obras de mellora da seguridade viaria da estrada Valdoviño-Cedeira permitiron acurtar nun 30% o tempo de percorrido grazas a un investimento da Xunta de 4,7 M€.

 

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou en Valdoviño o resultado da reforma da AC-566, en case 4 quilómetros da estrada, desde a saída do núcleo urbano de Valdoviño ata A Ramalleira, que permite mellorar de forma “moi significativa” as comunicacións do norte da comarca de Ferrolterra.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que esta era unha actuación moi demandada polos veciños e visitantes, ao ser esta unha estrada pola que circulan de media 5.000 vehículos ao día, transitada especialmente no verán, pola riqueza natural, polo atractivo turístico e pola intensa actividade deportiva na zona de Pantín.

 

Para a súa mellora, executáronse dous tipos de actuación entre os quilómetros 13 e 17 da AC-566. A conselleira concretou que, nunhas zonas, as obras consistiron no ensanche da vía e no reforzo do firme e, naqueles treitos onde se considerou necesario, acometeuse unha intervención de maior calado, mediante a rectificación das curvas e o aumento da sección transversal da estrada para habilitar un carril adicional.

 

Neses puntos nos que se habilitou un carril adicional, ampliouse a plataforma ata conseguir unha sección total de 10 metros, para aloxar os dous carrís de circulación de 3,5 metros, ademais das beiravías e os elementos de drenaxe.

 

A conselleira apuntou á importante mellora acadada na circulación viaria entre Valdoviño e Cedeira, porque nesta zona, ademais das complicacións que supuñan as curvas tan pechadas, non existía posibilidade de adiantamento.

 

A intervención tamén incluíu a reforma de interseccións, habilitáronse cambios de sentido e facilitáronse aqueles xiros á esquerda que reúnen as condicións de seguridade obrigadas.

 

Segundo subliñou Ethel Vázquez, con esta actuación, o Goberno galego cumpre cun compromiso cos municipios de Valdoviño e de Cedeira, ademais de avanzar na materialización das actuacións programadas para a mellora da rede viaria das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

 

Fixo fincapé no cumprimento da Xunta coa folla de ruta comprometida, estando xa mellorada a estrada do Porto de Bares, en Mañón, e rematado tamén o acondicionamento da AC-110 nas Somozas. 

 

Avanzou que neste outono se culminará a 1ª fase da mellora da capacidade e seguridade da AC-862 en San Sadurniño, unha intervención na que a Xunta está a investir 7,2 M€.

 

Paralelamente, estase a tramitar o proxecto da 2ª fase, a do treito comprendido entre o Campo do Hospital e Ponte Mera, en Ortigueira, que se agarda poder licitar proximamente e que suporá un investimento de 7,5 M€.

 

En definitiva, dixo, a Xunta está a traballar de forma moi intensa na mellora das comunicacións das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, co obxectivo de reforzar a competitividade e as oportunidades de progreso dotándoas de mellores conexións como esta estrada renovada entre Valdoviño e Cedeira.

Imaxes relacionadas