O presidente da Xunta reuniuse con representantes do sector da pesca de fondo e xuristas especializados

A Xunta urxe a construír unha posición sólida a nivel nacional contra o veto á pesca de fondo e compromete o seu apoio aos recursos xudiciais

O titular do Executivo galego lembrou que se trata dun asunto que afecta a outras comunidades autónomas e que chegará ata o final na defensa dos intereses do sector pesqueiro galego

Avanza que se porá en contacto con Pedro Sánchez para trasladarlle a importancia de actuar para defender estas artes de pesca, e a actividade e o emprego que supoñen para Galicia

Manifestou que a Xunta actuará con convencemento e con todos os medios ao seu alcance para tratar de reverter a decisión do Goberno comunitario

Santiago de Compostela,  20 de setembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, urxiu a construír unha posición sólida a nivel nacional contra o veto á pesca de fondo e compromete o apoio de Galicia aos recursos xudiciais.

O titular do Executivo autonómico, acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha xuntanza cos expertos e xuristas da Fundación MarInnLeg, do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña e con distintos representantes da frota afectada. Nese encontro tendeu a man ao sector e lembrou que se trata dun asunto que non só prexudica a Galicia senón tamén a outras comunidades, polo que o recurso estatal está máis que xustificado.  

Alfonso Rueda incidiu en que nesta xuntanza se analizaron todas as vías legais dispoñibles para frear este “erro histórico” e o “golpe mortal” que este veto suporía para a frota galega pois afectaría a uns 200 barcos de capital galego de xeito directo e a arredor dun milleiro de xeito indirecto. Por iso, comprometeu todo o apoio da Xunta tanto ao posible recurso do Estado como ás medidas legais que adopten as empresas armadoras pola súa conta.

Nesta liña, o presidente da Xunta lembrou que mañá se celebra unha reunión en Madrid co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e co sector para analizar as posibles medidas a adoptar ante unha norma que se aprobou sen consultar ao sector e en base a datos parciais e desactualizados, poñendo en perigo artes tan selectivas como o palangre.

Entre as iniciativas que levará a cabo a Xunta, o presidente anunciou que se porá en contacto con Pedro Sánchez para trasladarlle a importancia destas artes de pesca para a actividade e o emprego en Galicia. Ademais, solicitará unha reunión co comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, e o Goberno galego buscará aliados noutras autonomías e rexións europeas afectadas.

Algúns dos aspectos que se destacaron durante a reunión foi que a frota galega afectada realiza unha pesca totalmente sustentable que non é incompatible co coidado do medio ambiente. Ademais, lembraron distintos representantes do sector, non hai informes biolóxicos e socioeconómicos que avalen o veto, feito que amosa a falta de diálogo e de transparencia coa que actuou a Comisión Europea. De feito, incumpriu o seu compromiso de revisar a norma atendendo a novos datos e informes científicos.

Alfonso Rueda tamén salientou durante a súa intervención que o Goberno galego fará todo o posible para que a Comisión Europea rectifique e anule este regulamento que, tras saír publicado onte no Diario Oficial da Unión Europea, entrará en vigor a comezos de outubro deste ano.

“Esta reivindicación parécenos completamente xusta e ademais participamos na aportación de documentación para intentar que non se tomara esta decisión, polo tanto agora temos que actuar con todo convencemento e con todos os medios para intentar revertela”, manifestou.

Imaxes relacionadas