A Xunta aposta por continuar potenciando o turismo de calidade cunha proposta sostible e diferenciada

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na gala de entrega dos distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED) a 26 establecementos do GDR Terras de Compostela
 

Estes galardóns premian o compromiso dos profesionais do sector coa calidade
 

Nava Castro destacou que o turismo galego está baseado na seguridade, a sostibilidad e a calidade

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na entrega de diplomas SICTED (Sistema Integral de Calidad Turística Española en Destino) a  26 establecementos do GDR-19 Terras de Compostela, onde indicou a importancia de apostar por continuar potenciando o turismo de calidade cunha proposta sostible e diferenciada.

 

Nava Castro resaltou que actos como este poñen de manifesto o bo facer do sector turístico, e concretamente do territorio Terras de Compostela, que se incorporou en 2019 como destino SICTED. “Apostar pola calidade é fundamental xa que esta implica diferenciación e valor engadido e sitúa o noso destino nunha posición de maior privilexio fronte aos nosos competidores”, resaltou a directora de Turismo de Galicia.

 

O esforzo e a aposta pola calidade e polo turismo como motor impulsor en termos de renda e emprego do territorio nun sector tan transversal como o turístico o sitúa como un dos principais sectores dinamizadores do noso territorio e clave para a recuperación económica, polo que o feito de incrementar os destinos con distintivos de calidade, como o SICTED, redunda nunha mellora da imaxe do sector, pero tamén na mellora da confianza e da fidelidade dos turistas.

 

“A calidade debe ser unha aposta constante no que o importante sexa o esforzo desenvolvido día a día a prol da optimización do servizo, de aí que o sector público e o privado temos que seguir traballando conxuntamente para que a calidade se converta nunha metodoloxía de traballo”, rematou Nava Castro

 

A Asociación Terras de Compostela é unha asociación sen ánimo de lucro que promove o desenvolvemento local do seu territorio que implica a todos os actores locais, tanto as institucións, como o tecido asociativo así como a sociedade en xeral, do seu ámbito territorial. Engloba os concellos da Baña, Ames, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Teo, Val do Dubra, Vedra.