A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez, co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou o funcionamento destas bonificacións, coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade
A Xunta constata un incremento do 40% no uso do autobús autonómico impulsado polos descontos do 50% que aplica desde o pasado 1 de setembro
Ethel Vázquez detalla que nesta 1ª quincena houbo un incremento do 25% do uso do autobús no corredor Oleiros-Sada-Culleredo-A Coruña, con respecto ao mesmo período do ano anterior
Remarca que na liña entre A Coruña e Ferrol o incremento de viaxeiros no que vai de setembro achégase ao 22%, sendo o 16% de aumento imputable aos descontos
Subliña que a Xunta se dirixiu á concesionaria da liña A Coruña-Ferrol reclamándolle máis reforzos para atender o incremento da demanda, especialmente en horas punta
Urxe ao Goberno de España a acometer a modernización ferroviaria necesaria, pois A Coruña e Ferrol carecen dunha alternativa de transporte eficiente en tren, alternativa ao transporte en autobús
Destaca que na 1ª quincena de setembro se expediron en Galicia 7.000 novas tarxetas TMG, o que supón duplicar en 15 días as cifras dun mes completo
Lembra que os descontos do 50% se aplican sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e das Tarxetas de Mobilidade de Galicia nos autobuses da Xunta, no transporte de ría en Vigo, no Feve na comarca de Ferrol e no bus urbano de Ferrol e de Pontevedra
Remarca que as bonificacións, ata o de agora, están a ser asumidas pola Xunta, xa que o Goberno nin transferiu o orzamento anunciado nin concretou a cantidade a achegar
Avanza que en poucos días comezarán as obras da terminal de autobuses intermodal, dotando á Coruña dun gran centro de transporte con case 40 M€ de investimento
A Coruña, 20 de setembro de 2022 A Xunta constata un incremento do 40% no uso do autobús autonómico impulsando polos descontos do 50% que aplica desde o pasado 1 de setembro.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou o funcionamento destas bonificacións, coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade baixo o lema ‘Mellores conexións’, que busca promover o uso do transporte colectivo.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade detallou que o balance da medida nestes primeiros quince días é satisfactorio, ao terse detectado un incremento do 20% na cifra de viaxeiros, derivada directamente das bonificacións.
Detallou que nesta 1ª quincena de setembro houbo un incremento do 25% do uso no Corredor Oleiros-Sada-Culleredo-A Coruña, con respecto ao mesmo período do ano anterior, do que un 7% é consecuencia directa da bonificación das tarifas.
Na liña entre A Coruña e Ferrol, o incremento no número de viaxeiros no que vai de setembro con respecto ao ano anterior achégase ao 22%. Porén o incremento imputable aos descontos do 50% na tarifa de autobús é moito maior, do 16%.
Ethel Vázquez explicou que neste caso, esa maior demanda do uso do autobús vén derivada tamén porque entre A Coruña e Ferrol non hai unha alternativa eficiente de servizos de tren, pola falta de investimentos por parte do Goberno de España na modernización da liña.
Por iso urxiu ao Goberno a que acometa a modernización ferroviaria que tantos anos leva comprometendo para dotar os usuarios duns servizos de ferrocarril competitivos, ofrecéndolles alternativas que favorezan os seus desprazamentos diarios.
Indicou que o incremento da demanda rexistrada no autobús entre A Coruña e Ferrol fixo necesario habilitar reforzos, especialmente nos servizos por autoestrada da primeira hora da mañá e nos de volta a mediodía. E avanzou que a Xunta xa se dirixiu á concesionaria da liña A Coruña-Ferrol reclamándolle máis reforzos para atender o incremento da demanda, especialmente en horas punta.
Ethel Vázquez detallou que o crecemento no número de viaxeiros tamén vai parello ao número de Tarxetas de Mobilidade de Galicia expedidas. Así, na 1ª quincena de setembro expedíronse en Galicia 7.000 novos dispositivos, o que supón duplicar en 15 días as cifras dun mes completo.
Incremento de tarxetas TMG
Desas 7.000 novas tarxetas, un 58%, 4.000 dispositivos, foron expedidos na provincia da Coruña, o que reflicte o especial incremento da demanda rexistrado neste caso e tamén a boa acollida da iniciativa nesta provincia.
A conselleira puxo como exemplo da aposta sen precedentes que está a facer a Xunta polo transporte público a posta en marcha da tarxeta Xente Nova, coa que máis de 120.000 menores de 21 anos viaxan gratis no autobús da Xunta.
Tamén apuntou á modernización das infraestruturas e avanzou que en poucos días comezarán as obras da nova terminal de autobuses intermodal, dotando á Coruña dun gran centro de transporte público con case 40 M€ de investimento.
Vázquez Mourelle lembrou que os descontos do 50% se aplican desde o pasado 1 de setembro e ata o 31 de decembro sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e das tarxetas de Mobilidade de Galicia, beneficiando aos usuarios dos autobuses da Xunta, do transporte de ría, en Vigo, do ferrocarril Feve na comarca de Ferrol e do bus urbano de Ferrol e de Pontevedra.
Concretou, ademais, que estas bonificacións, polo momento, están a ser asumidas integramente pola Administración autonómica, xa que o Goberno de España aínda non transferiu o orzamento anunciado nin concretou que cantidade vai achegar.