A Xunta inicia as obras de conservación da Ponte Ceilán, nos concellos de Noia e de Outes, que suporán un investimento de máis de 500.000 €
Durante a xornada de hoxe e mañá disporase a sinalización horizontal desta obra na estrada AC-550, o que fai necesario o corte dun dos carrís de circulación, habilitándose o paso alternativo ao tráfico polo carril libre
Esta nova intervención, cun prazo de execución de 6 meses, reforzará a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda actual por unha nova
A actuación tamén incluirá a optimización da eficiencia enerxética da ponte ao renovar a iluminación apostando pola tecnoloxía LED
A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns
A Xunta iniciou hoxe as obras de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550 ao paso polos concellos de Noia e de Outes, que suporán un investimento de máis de 500.000 euros.
Para acometer esta actuación, durante a xornada de hoxe e de mañá mércores, estase a dispoñer a sinalización horizontal de obra, aproveitando as boas condicións meteorolóxicas. Estes primeiros traballos obrigan a afectar ao tráfico co corte dun dos carrís, para o que está habilitado o paso alternativo polo carril libre.
Estes primeiros traballos marcan o comezo das actuacións, que contan cun prazo de execución de 6 meses, e que teñen como obxectivo reforzar a seguridade dos peóns.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade actúa nesta ponte, situada no punto quilométrico 69 da vía autonómica que une os municipios de Noia e de Outes, co fin de aumentar a seguridade dos peóns mediante a substitución da varanda por unha nova.
A varanda virá xa fabricada e pintada do taller en tramos de 6 metros co fin de proceder á súa instalación de xeito rápido.
Antes do desmonte da varanda actual, realizarase unha limpeza dos restos vexetais nos bordos exteriores das beirarrúas do taboleiro e na cara horizontal da imposta. Esta acción é necesaria para a correcta execución dos traballos posteriores.
Ademais, procederase á optimización da eficiencia enerxética da ponte mediante a substitución da iluminación existente por outra con tecnoloxía LED.
A Xunta continúa mellorando a rede viaria autonómica co fin de proporcionar unhas estradas seguras e eficientes aos cidadáns.