A Xunta reforza desde este xoves os servizos de autobús entre Silleda e Lalín cunha nova expedición á primeira hora da mañá
Créase unha nova ruta entre a parroquia de Lamela e Lalín que prestará servizo ás 07,30 horas de luns a venres durante todo o ano
Aténdese a petición do Concello de Silleda de facilitar, principalmente, os desprazamentos do alumnado cara ao instituto ao inicio das clases
O reforzo ponse en marcha coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade, que este ano ten como lema ‘Mellores conexións’ e que busca promover o uso do transporte público colectivo
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2022 A Xunta activará o vindeiro xoves, 22 de setembro, un reforzo dos servizos de autobús entre Silleda e Lalín que engaden unha expedición á primeira hora da mañá.
Con esta mellora no servizo, a Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atende a solicitude trasladada polo Concello de Silleda para facilitar, principalmente, os desprazamentos do alumnado cara ao instituto ao inicio das clases.
Esta actuación enmárcase no traballo continuo da Xunta por ofrecer máis e mellores servizos de transporte público por estrada aos cidadáns.
Actualmente, máis de 900 mozos e mozas de Lalín e Silleda menores de 21 anos viaxan gratis por toda Galicia nos autobuses da Xunta coa tarxeta Xente Nova.